Skip to main content

Ciencias da Educación debate sobre os recursos educativos en lingua galega nos diferentes niveis do ensino

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Un centenar de persoas toman parte na XII edición dunha xornada sobre educación científica impulsada pola Comisión de Normalización Lingüística do centro
Santiago de Compostela

A XII Xornada de recursos educativos en galego: a educación científica e a conexión coa natureza recibe este martes, a partir das 16.00 horas, a preto dun centenar de persoas para abordar de que recursos dispoñen os/as docentes de Ciencias do Medio en infantil e primaria en lingua galega. Estes recursos permiten encarar a conexión das nenas e nenos coa natureza e fomentar así que medren como adultos sensibilizados e concienciados coa cuestión ambiental. O acto comeza ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte.

Esta iniciativa constitúe un espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega nos diferentes niveis de ensino que organiza a Comisión de Normalización Lingüística do centro. Esta duodécima xornada céntrase na educación científica logo de abordar, en edicións anteriores, a educación infantil, primaria, bacharelato, educación social, educación artística, e de adultos.

A xornada artéllase arredor de catro relatorios sobre a educación científica en lingua galega. Antonio Sandolval Rey, escritor, comunicador ambiental e ornitólogo introduce a necesidade da educación ambiental baseada non só na ciencia, senón tamén nas artes, para afrontar os crecentes retos ambientais e sociais deste século. A continuación, Carlos Silvar defende o uso da ilustración como recurso didáctico; e Ana B. Pardo dá a coñecer o Centro de Referencia para a Educación Ambiental en Galicia (CEIDA) e a súa biblioteca especializada. Por último, Xulio Gutiérrez explica o proceso de creación de libros de divulgación científica ‘Animais Extraordinarios’.

Estratexias para futuros profesionais

Esta iniciativa procura que o alumnado de Ciencias da Educación poida tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional. Así mesmo, un dos propósitos fundamentais destas xornadas é fornecer aos futuros profesionais estratexias e criterios que lles permitan non só coñecer e empregar os recursos existentes senón adaptalos e reelaboralos para atender ás diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.

O destinatario principal destas xornadas é o alumnado, o PDI e PAS das universidades galegas interesado en coñecer estratexias que axuden a mellorar o uso e coñecemento dos recursos didácticos en galego na educación de adultos, así como profesionais interesados/as.

As xornadas de recursos educativos en galego están organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística e a achega económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 12.13.2019.