Veterinaria renova a acreditación europea ata 2025 tras cumprir con “éxito” as recomendacións da EAEVE
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC renova definitivamente ata 2025 a acreditación internacional expedida pola Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (EAEVE), logo de sortear con “éxito” os condicionantes advertidos pola comisión desta axencia europea no proceso de avaliación desenvolvido en setembro de 2018. O profesor belga da Universidade de Lieja Pierre Lekeux, o chairman da EAEVE desprazado esta semana ao Campus de Lugo para supervisar as actuacións adoptadas pola Facultade de Veterinaria da USC para mellorar as ratios e a calidade das prácticas de docencia clínica en gando porcino e equino, comprobou in situ os avances realizados nestes ámbitos, o que permite acadar esta acreditación internacional sen ningún tipo de condicionante.
Lekeux emitiu este informe positivo logo dunha intensa xornada no Campus de Lugo, onde, a través da profesora do departamento de Anatomía Patolóxica da USC, Ana Bravo del Moral, que actuou como oficial de enlace,, mantivo múltiples reunións co cadro docente da Facultade de Veterinaria de Lugo, así como coas vicerreitoras de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel, e de Organización Académica, Celia Besteiro; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González, e co reitor da USC, Antonio López, quen tamén mantivo un encontro telemático co comisionado belga da EAEVE e coa experta norueguesa en hixiene e inspección de alimentos Yngvild Wasteson, que actuara como presidenta do comité avaliador que visitou Lugo en 2018.
As múltiples reunións sectoriais, nas que o profesorado e demais persoal da Facultade de Veterinaria de Lugo tiveron que responder as interpelacións feitas por Lekeux e mesmo por Wasteson, serviron a estes dous representantes da EAEVE para contrastar todo o amplo material audiovisual, ademais de informes escritos, remitidos antes desde o centro universitario lugués á Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria a para dar conta das prácticas clínicas en porcino e equino desenvolvidas polo alumnado durante os últimos dous anos.
Centros de referencia
“A renovación da acreditación internacional da EAEVE permite á facultade de Veterinaria do Campus de Lugo permanecer entre os centros de referencia formación veterinaria de toda Europea”, comentou o decano Gonzalo Fernández Rodríguez. “É un logro importante para todos, porque esta acreditación garante uns estándares de calidade que temos que cumprir”, engadiu Fernández, ao tempo que precisou que “cada proceso de avaliación resulta máis complexo, porque os parámetros esixidos son cada vez máis altos”.
A Facultade de Veterinaria da USC incorporouse ao grupo de centros acreditados pola EAEVE en 2002. Permanecer á vangarda da formación veterinaria durante dúas décadas non é doado, comentou Gonzalo Fernández, que fixo partícipe deste éxito colectivo a todas as persoas que conforman a comunidade universitaria.
O decano da Facultade de Veterinaria, que tamén estivo acompañado polo seu predecesor no cargo, o tamén profesor Germán Santamarina Pernas, salientou tamén o cometido das distintas administracións para a renovación desta acreditación europea. Cómpre lembrar neste senso a importancia da Fundación Rof Codina, en cuxo padroado participan xunto coa USC a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial.
Fernández explicou que a ampliación de acordos con empresas e entidades para a realización de prácticas clínicas en porcino e equino, así como a mellora das instalacións e das granxas nas que o alumnado de Veterinaria desenvolve estes períodos de formación, constituíron algunha das claves que fixeron posible renovar a acreditación da EAEVE. Sen embargo, engadiu, non podemos esquecer que a consecución deste obxectivo sería pouco menos que imposible sen o esforzo realizado pola Deputación Provincial de Lugo para dotar o Campus Terra da USC dunha granxa experimental de vacún de leite.