Skip to main content

Un novo observatorio investigará os medios dixitais e realizará un seguimento da desinformación

Este novo observatorio coordinado dende a Universidade de Navarra centrará as súas investigacións en cinco liñas de traballo. FOTO: Santi Alvite
Este novo observatorio coordinado dende a Universidade de Navarra centrará as súas investigacións en cinco liñas de traballo. FOTO: Santi Alvite
A USC tomará parte nun consorcio internacional integrado por 23 institucións españolas e portuguesas e que conta co respaldo da Comisión Europea
Santiago de Compostela

Trazar un seguimento da desinformación é a meta do IBERIFIER, un dos oito ‘hubs’ rexionais que formarán parte do European Digital Media Observatory da Comisión Europea e que acaba de ser financiado con preto de millón e medio de euros. Este observatorio no que toma parte a USC a través do grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación e dirixido polo catedrático Xosé López, está integrado por 23 institucións de España e Portugal para centrarse na análise dos medios dixitais.

Este novo observatorio coordinado dende a Universidade de Navarra centrará as súas investigacións en cinco liñas de traballo. En primeiro lugar, investigará as características e tendencias do  ecosistema ibérico dos medios dixitais. Asemade, desenvolverá tecnoloxías computacionais para a detección temperá da desinformación; e verificará e desmentirá a desinformación no territorio ibérico, reportando á Comisión Europea. Preparará tamén informes estratéxicos sobre ameazas de desinformación, tanto para o seu coñecemento público como para as autoridades de España e Portugal. Por último, traballará en iniciativas de alfabetización mediática dirixidas a xornalistas e informadores, mozos e mozas, así como á sociedade no seu conxunto.

A posta en marcha de IBERIFIER “supón un fito na investigación sobre os medios dixitais, pois creará un observatorio de máximo nivel, composto por máis de 70 investigadores, especializados en áreas como a comunicación dixital, as ciencias da computación e os datos, e a análise estratéxica”, sinalan dende este consorcio integrado por doce universidades, cinco organizacións de verificación e axencias de noticias, e outros seis centros de investigación interdisciplinarios.

The contents of this page were updated on 05.05.2021.