O programa de Estímulo do Talento Matemático de Galicia Estalmat mantén aberta a súa inscrición ata o 1 de xuño
O proxecto Estalmat-Galicia para o Estímulo do Talento Matemático en estudantes da Comunidade Autónoma, acaba de convocar a súa proba de selección dirixida a alumnado nacido nos anos 2007, 2008 ou 2009. Detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos é a meta desta iniciativa que na edición deste ano seleccionará a un total de 30 estudantes, cinco máis que noutras edicións para compensar a ausencia da convocatoria do ano pasado, a cal non puido desenvolverse por mor da COVID-19. A inscrición para esta proba presencial que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas pode realizarse ata o 1 de xuño a través deste formulario en liña.
Para evitar as grandes concentracións doutras edicións, a organización conta coa colaboración de tres centros de Ensino Medio nas cidades de Ourense (IES Eduardo Blanco Amor), Vigo (IES Castelao) e Pontevedra (IES A Xunqueira I), así como coas Facultades de Matemáticas, no Campus de Santiago, e de Formación do Profesorado, no Campus de Lugo da USC. Ademais, tamén contan coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación da UDC. No formulario de inscrición, pode seleccionarse a preferencia de cidade á hora de realizar as probas.
O proceso de selección consta de dúas fases, unha proba de aptitude e unha entrevista persoal. A primeira fase terá lugar o sábado 12 de xuño, ás 10.00 horas, nunha das seis sedes e consistirá na resolución de varios problemas. Unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista individual coas nenas e nenos preseleccionados encamiñada a avaliar o interese e o grao do compromiso co proxecto.
Nova presidencia
A decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, acaba de ser elixida nova presidenta de Estalmat-Galicia substituíndo no cargo ao ex-reitor Juan Viaño, que xa tiña manifestado con anterioridade o seu desexo de pechar a súa etapa á fronte do cargo. O Comité Organizador quixo deixar constancia “do recoñecemento que toda a gran familia do proxecto sinte pola gran labor do profesor Viaño”. “Afrontamos o novo ciclo con entusiasmo adaptando as probas, e tamén as sesións, aos novos tempos e ás restricións sanitarias”, explicou a profesora Vázquez Cendón.