Skip to main content

Convertendo o alumnado de educación primaria europeo en axente de cambio social

Coordinando este equipo de traballo e a implementación do proxecto en España, atópanse as profesoras da USC Beatriz Cebreiro López e Lorena Casal Otero
Coordinando este equipo de traballo e a implementación do proxecto en España, atópanse as profesoras da USC Beatriz Cebreiro López e Lorena Casal Otero
Fomentar estratexias pedagóxicas innovadoras de uso das tecnoloxías coa intención de desenvolver a creatividade, a colaboración e o emprendemento é a meta do proxecto Digital Learning across boundaries-DLAB2 no que toma parte o grupo Tecnoeduc da USC
Santiago de Compostela

O proxecto Digital Learning across boundaries -DLAB2 profunda en estratexias de formación innovadoras mediante o uso da tecnoloxía, para que o alumnado europeo de educación primaria teña o seu papel protagonista como axente de cambio social. Con este obxectivo, un equipo formado por investigadoras do grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (Tecnoeduc) e estudantes do grao en maxisterio, acaban de participar nunha serie de encontros en liña para realizar actividades de aprendizaxe neste eido.

Estas sesións están pensadas como unha celebración virtual de todo o traballo realizado durante o presente curso académico, que constitúe o ecuador do proxecto, e cuxo foco se centrou nos usos pedagóxicos da tecnoloxía educativa para superar límites persoais. “É dicir, todos aqueles elementos que teñen que ver coas nosas aspiracións persoais ou a nosa  autoconfianza: expresarse en público con fluidez e corrección, superar prexuízos persoais e sociais ou asumir unha actitude activa de changemaker”, explican dende Tecnoeduc. Todas estas actividades foron gravadas e utilizaranse para producir recursos educativos que estarán dispoñibles para o seu uso en liña e integraranse nun curso de formación virtual para o profesorado deseñado polo grupo de investigación Tecnoeduc.

Coordinando este equipo de traballo e a implementación do proxecto en España, atópanse as profesoras da USC Beatriz Cebreiro López e Lorena Casal Otero, que destacan a importancia desta investigación para “impulsar a creación de espazos de colaboración e aprendizaxe internacional que fomenten estratexias pedagóxicas innovadoras de uso das tecnoloxías coa intención de desenvolver a creatividade, a colaboración e o emprendemento”. As accións do proxecto diríxense a mestres en activo, futuros mestres e formadores de profesorado.

The contents of this page were updated on 05.07.2021.