Skip to main content

Cara a unha universidade sen barreiras

As actuacións que forman parte do proxecto axustaranse a unha metodoloxía de corte participativa e aberta. FOTO: Santi Alvite
As actuacións que forman parte do proxecto axustaranse a unha metodoloxía de corte participativa e aberta. FOTO: Santi Alvite
Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación das persoas de máis de 50 anos a través do exercicio intelectual é a meta da USC ao achegar as súas actividades formativas e de extensión cultural a vinte concellos galegos a través do Proxecto de Democratización do Coñecemento
Lugo, Santiago de Compostela

O Proxecto de Democratización do Coñecemento pretende que as persoas de máis de 50 anos que, por distintos motivos —xeográficos ou económicos, entre outros—, non poidan participar nos Programas Universitarios para Maiores das tres universidades galegas, teñan acceso tamén ás súas actividades formativas e de extensión cultural. Con esta meta, USC, UDC e UVigo asinaron este luns, xunto coa Consellaría de Política Social, un convenio de colaboración que se centra naquelas persoas que non poden asistir ás sedes oficiais nas que se imparte este tipo de formación, coa intención de facilitar, alén das posibles eivas, o seu desenvolvemento persoal e social.

En virtude desta iniciativa que a USC vai desenvolver nos concellos de Lalín, A Estrada, Silleda, Vilagarcía, Viveiro, Mondoñedo, Monterroso, Monforte, Xermade, Chantada, Taboada, Vilalba, Antas de Ulla, Sarria, Sober, Palas de Rei, Xinzo de Limia, Bande, Laza e Verín, quérese acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación das persoas a través do exercicio intelectual. Asemade, este proxecto aspira a concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día para revalorizar e profundar no valor do patrimonio; e recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas emocións e vivencias.

Co proxecto conxunto de Democratización do Coñecemento das tres universidades, colaboran activamente distintas administracións públicas de ámbito local a través da posta a disposición das instalacións necesarias para o desenvolvemento do dito proxecto —casa da cultura ou centro sociocultural do municipio participante—.

Metodoloxía de corte participativa e aberta

Biodiversidade e conservación, un paseo pola tradición popular e fidalga a través de  casais, casas grandes e pazos; ou o cine como linguaxe constitúen algúns dos contidos ofertados pola USC ao abeiro deste proxecto. A avespiña do castiñeiro en Galicia, como se escribe a historia, a introdución á música, a construción do personaxe no teatro ou a construción da identidade persoal dende a tradición conforman outros dos aspectos abordados. Os estilos educativos parentais, a herdanza e a criminoloxía, analizada dende distintas ópticas, completan a oferta formativa da USC.

As actuacións que forman parte do proxecto axustaranse a unha metodoloxía de corte participativa e aberta onde os docentes universitarios desenvolverán sesións teóricas, pero tamén prácticas con actividades de visita guiada ou obradoiro, sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas, e outras artísticas en cada unha das comarcas do proxecto.

IV Ciclo

O reitor Antonio López e a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, asinaron tamén este luns o convenio de colaboración para favorecer e permitir o desenvolvemento das actividades previstas dentro do Programa Universitario de Maiores ou IV Ciclo da USC.

Alén do plan de estudos dirixido á obtención do Diploma Senior no IV Ciclo, o acordo contempla tamén dous traballos dende as áreas de ciencias da comunicación e ciencias da educación para a obtención do Diploma Excelsor, así como o deseño dun curso de Experto Sénior no Camiño de Santiago, a iniciar ao longo do 2021. No presente ano académico, impártense no Campus de Santiago 32 materias e, no Campus de Lugo, 26, todas elas de carácter optativo, impartidas por 60 docentes e destinadas aos 434 alumnos/as matriculados.

The contents of this page were updated on 05.10.2021.