Eugenio Otero, comisario da exposición ‘Laboratorios de la nueva educación’ organizada co gallo do centenario do Instituto Escuela
O catedrático da área de Teoría e Historia da Educación da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, Eugenio Otero Urtaza, é un dos comisarios da exposición ‘ Laboratorios de la nueva educación’, unha mostra organizada co gallo da celebración do primeiro centenario da posta en marcha do Instituto Escuela en Madrid, onde permanecerá aberta ao público ata marzo de 2020 na sede da Fundación Francisco Giner de los Ríos, o principal inspirador da Institución Libre de Enseñanza (ILE), que revolucionaría a pedagoxía española entre finais do século XIX e comezos do XX.
A metodoloxía pedagóxica e as innovadoras ideas educativas preconizadas desde un primeiro momento desde a Institución Libre de Enseñanza e materializadas en 1918 coa posta en marcha do Instituto Escuela, un centro pioneiro en España na fusión do primeiro e segundo nivel de ensinanza, constituíron no seu momento unha revolución, cuxas ideas aínda seguen vivos hoxe, comenta Otero Urtaza.
Este xa veterano colaborador da Fundación Francisco Giner de los Ríos comentou sinalou neste senso que o Máster en Dirección de Actividades Educativas da Natureza (DAEN), un posgrao oficial da USC singular pola súa temática no ámbito universitario español, é un exemplo da continuidade do pensamento de Giner de los Ríos. De feito, engadiu o profesor Otero Urtaza, a Fundación Francisco Giner de los Ríos é unha das institucións que no seu día avalou o programa deste máster, no que “se presta especial atención á educación ao aire libre e no que se concibe a natureza como un recurso educativo de máxima magnitude”, dixo.
Alén da súa faceta investigadora, centrada desde hai xa catro décadas na Institución Libre de Enseñanza e nas liñas de pensamento dos seus promotores, Otero Urtaza apuntou as colonias escolares como outra das iniciativas orixinarias da Institución Libre de Enseñanza. O catedrático da USC sinalou tamén ao respecto que a profesora da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo e alumna da primeira promoción do máster en Dirección de Actividades Educativas da Natureza Silvia Basanta Camiño é a actual directora da Escola de Tempo Libre da Fundación Francisco Giner de los Ríos.
A exposición ‘Laboratorios da nova educación’ amosa algúns dos pensamentos máis revolucionarios dos promotres do Instituto Escuela, un centro que durante a súa curta duración impulsaba saídas ao campo, a inclusión da música e o canto nas aulas, e, entre outros, actividades lúdicas, relata Otero Urtaza, relata de xeito cronolóxico a creación e o desenvolvemento destes ‘laboratorio de educación’ e das súas innovadoras propostas educativas.
O compendio de diverso material de época, entre o que se inclúen moitas fotografías, algunhas das colonias escolares celebradas en Cospeito ou en Arbo, ofrece unha visión diacrónica das transformacións experimentadas ao longo do último século polo sistema educativo español. A estrutura temática desta mostra estrutúrase arredor de catro eixes, tales como o son a educación integral, unha escola diferente, o protagonismo do alumno e os novos cometidos o mestre.