Skip to main content

'Xela Arias. A literatura e a vida, por elección'

A publicación da obra completarase coa celebración dun acto académico o 26 de maio. Foto: Santi Alvite
A publicación da obra completarase coa celebración dun acto académico o 26 de maio. Foto: Santi Alvite
Co gallo do Día das Letras Galegas 2021, a USC edita o tradicional volume conmemorativo, no que se reúnen estudos que ilustran distintas facetas dunha figura poliédrica coñecida sobre todo pola súa poesía
Lugo, Santiago de Compostela

“Xela Arias: unha voz transgresora, insubmisa, desconforme, defensora radical da independencia. Dende o non privilexio, cuestionou a orde, fuxiu do establecido, interrogou, afastouse do esperado. Poeta fóra das convencións, desobediente, Xela escribiu e viviu por elección”. Con esta apelación preséntase o volume Xela Arias. A literatura e a vida, por elección co que a USC se suma á conmemoración do Día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias. Complementando esta iniciativa editorial, a USC ten prevista a celebración dun acto académico arredor do Día das Letras Galegas 2021 o vindeiro 26 de maio.

Baixo a coordinación da profesora María Xesús Nogueira Pereira e editado polo Servizo de Publicacións da USC, o volume “bebe das augas dos desbordantes mares da palabra da escritora” e “reúne estudos que ilustran distintas facetas dunha figura poliédrica coñecida sobre todo pola súa poesía”. Tamén se inclúen os poemas publicados na revista Dorna e reproduce textos en prosa pouco coñecidos polo seu difícil acceso.

Como sinala a coordinadora na introdución, alén dunha homenaxe, “o libro quere tamén engrosar unha produción crítica sobre a autora e a súa obra polo de agora escasa”. Será o tempo “coa súa perspectiva, o encargado de escolmar unha produción que estes días medra á calor dos afectos e das honras”. Ao longo das súas páxinas, na obra recóllense as achegas de Xulián Maure Rivas, Ana Iglesias Álvarez, Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Montse Pena Presas, Dolores Vilavedra Fernández ou María Xesús Nogueira Pereira para abordar outros tantos aspectos da obra da poeta, como a súa relación co mundo editorial, a participación na revista Dorna, a súa dimensión persoal ou a produción en prosa, entre outras cuestións.

O libro recolle igualmente as respostas a unha enquisa realizada entre escritoras para avaliar a relación e posible influencia de Xela Arias nas súas respectivas producións. Así, incorpóranse as respostas de Susana Sánchez Aríns, Olga Novo, María Reimóndez, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Antía Otero, Oriana Méndez, Andrea Nunes Brións, Lara Dopazo Ruibal, Alicia Fernández e Berta Dávila.

The contents of this page were updated on 05.17.2021.