Skip to main content

Termos esenciais de logopedia e audioloxía: galego-español-inglés, obra pioneira do Servizo de Normalización Lingüística

Portada do libro
Portada do libro
O SNL supera con esta publicación de Ana Codesido e Xusto Rodríguez os 35 dicionarios e vocabularios técnicos galegos publicados dende hai máis de 25 anos
Santiago de Compostela

A obra Termos esenciais de logopedia e audioloxía: galego-español-inglés selecciona un milleiro de conceptos destas disciplinas, clasifícaos por áreas temáticas e indica os nomes polos que son coñecidos en galego, español e inglés. En conxunto, recolle, clasifica e ofrece para consulta case 4000 denominacións neses tres idiomas. Esta publicación é obra da profesora da USC na Facultade de Filoloxía, Ana Codesido, e do responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), Xusto Rodríguez.

Os dous ámbitos en que se centran estes Termos esenciais de logopedia e audioloxía: galego-español-inglés teñen unha presenza significativa na nosa contorna social. Os trastornos e tratamentos que describen afectan a unha porcentaxe relevante da poboación, tanto na idade infantil como na adulta ou na vellez.

Pola contra, non existía ata o de agora ningún traballo que recollese a terminoloxía galega destas disciplinas, e que a puxese en paralelo cos seus equivalentes casteláns ou ingleses. “Esta carencia afecta especialmente a quen quere desenvolver a súa carreira universitaria (estudos, estadías, congresos, publicacións, docencia...) ou profesional en galego, pois debe lidar con frecuencia coa dúbida de como debe referirse a tal ou cal concepto nesta lingua”, afirman os autores.

Ao non existir obras especializadas de consulta, continúan Codesido e Rodríguez, a forma de resolver o problema é moitas veces botar man dos termos noutras linguas, o que acaba inzando os textos galegos de castelanismos e anglicismos, aumentando o descoñecemento das formas galegas. Por outra parte, no mundo interconectado en que nos movemos, é necesario fomentar a difusión plurilingüe do saber científico, reivindicando a capacidade de todas as linguas para seren vehículos de ciencia e traballando para evitar un monocultivo do inglés que resulta empobrecedor.

Xeira histórica

Con esta obra o SNL supera xa os 35 dicionarios e vocabularios técnicos galegos publicados, nunha xeira que arrincou hai máis de 25 anos co Léxico editorial castelán-galego.

Esta obra de Codesido e Rodríguez céntrase na logopedia e a audioloxía, dous ámbitos interdisciplinarios onde conflúen saberes das ciencias da saúde, a lingüística, a física e a microelectrónica. Asemade, esta iniciativa ten a súa orixe no proxecto do ano 2004 ‘Commuter’ (Multilingual terminology database for speech-language pathology and audiology) da Universidade de Gante, en Bélxica, que pretendía crear unha base de datos multilingüe co obxectivo de ofrecela á comunidade científica e profesional a través de internet. Como finalmente esta iniciativa non veu a luz, parte dos materiais orixinais están na base desta obra de termos esenciais.

Os autores

Ana Codesido é profesora da área de Lingüística Xeral, no Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, cunha traxectoria investigadora especializada no ámbito da lingüística clínica, en concreto na descrición, análise e diagnóstico de trastornos da linguaxe.

Xusto Rodríguez é técnico en normalización lingüística da USC, responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística e, como tal, coautor ou coordinador da maior parte dos glosarios e vocabularios publicados polo SNL nestes últimos anos.

A edición dixital da obra pode descargarse de balde nesta ligazón, en formato .pdf optimizado para a consulta en liña.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.