Skip to main content

Ramón Bouzas propón “vontade, acción colectiva e diálogo” na toma de posesión como decano de Ciencias Políticas e Sociais

Ramón Ángel Bouzas Lorenzo (Boiro, 1967) é profesor titular do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía. FOTO: Santi Alvite
Ramón Ángel Bouzas Lorenzo (Boiro, 1967) é profesor titular do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía. FOTO: Santi Alvite
O reitor subliñou na súa intervención que esta é unha “Facultade perfectamente consolidada” que conta “cunha oferta académica ben definida” e cunha “conexión clara coa demanda do estudantado e co tecido empresarial”
Santiago de Compostela

“Vontade, implicación, esforzo, traballo, acción colectiva e moito, moito diálogo”, esta foi a petición do profesor Ramón Bouzas no seu discurso de toma de posesión como decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, cargo para o que foi reelixido recentemente. O trixésimo aniversario da posta en marcha da Licenciatura en Ciencia Política e da Administración, que en 1991 sinalou o inicio da Facultade foi o punto de partida da intervención do profesor Bouzas, quen aproveitou esta efeméride para realizar un percorrido pola historia do centro ata debullar os cinco eixos que guiarán o seu mandato e que estará baseado “nos principios de colaboración, transdisciplinariedade e compromiso no servizo público”. O acto celebrado este xoves estivo presidido polo reitor Antonio López.

O primeiro dos eixos presentado polo profesor Bouzas é o relativo ao incremento da oferta de títulos a través de iniciativas no nivel de postgrao. Liderar a oferta dun novo máster en cooperación e reforzar a especialización troncal do alumnado; alén de consolidar o espazo de xestión e políticas públicas a través dun mestrado en goberno local foron as iniciativas formuladas no discurso de toma de posesión. “A consecución deste obxectivo, a ampliación da oferta, que consideramos cardinal e para o que precisaremos apoio institucional, abrirá novos horizontes para o alumnado, estimulará carreiras académicas e dará ao centro un peso merecido no ámbito disciplinar das ciencias sociais”, sinalou Ramón Bouzas.

Reforzar os mecanismos de coordinación e supervisión dos títulos será o segundo dos eidos de actuación deste novo mandato e, para o cal, precisarase “enerxía e capacidades renovadas para levar adiante o encargo docente e as tarefas administrativas a niveis razoables de calidade”, sinalou o decano no seu discurso. O fomento dunha participación máis activa dos títulos e da facultade en programas de intercambio académico, profesional e na construción de redes de docencia e investigación constitúe o terceiro eido no que intervirá o equipo de goberno, alén de fortalecer, en cuarto lugar, a colaboración co tecido social e empresarial de Galicia.  

Ramón Bouzas pechou a exposición das futuras liñas de actuación poñendo o foco no eido das infraestruturas. “Temos que dotarnos de novos equipamentos de apoio ao ensino e persoal que dea soporte á investigación feita dende os centros”, sinalou o decano para, a continuación, destacar que a “modalidade de ensino que nos caracteriza, é a presencial”. Para executar todas estas accións, o profesor Bouzas estará acompañado de María Irene Rodríguez Manzano, como secretaria da Facultade, e polo vicedenano Miguel Ángel Caínzos López.  

“Facultade perfectamente consolidada”

O reitor aproveitou a súa intervención para agradecer “o compromiso, a dedicación, o ánimo e a xerenosidade” do novo equipo de goberno da Facultade. Antonio López subliñou que Ciencias Políticas e Sociais é unha “Facultade perfectamente consolidada” que conta “cunha oferta académica ben definida”. “A conexión clara coa demanda do estudantado e co tecido empresarial para que os nosos graduados atopen distintas formas de exercicio profesional” definen a traxectoria deste centro. Con todo, o reitor puxo o foco na necesidade “de estar constantemente analizando e propoñendo as postas ao día que sexan precisas”.

 Facer fronte ao relevo xeracional foi outro dos retos sinalados no discurso. “Apostar decididamente pola dotación de prazas de axudantes doutores” é a liña que está a trazar a USC, alén dos procesos de consolidación do seu persoal. “Debemos incorporar xente nos estadios iniciais da carreira universitaria”, destacou Antonio López. Asemade, no capítulo dedicado a infraestruturas, o reitor salientou que os orzamentos recentemente aprobados poñen o foco na mellora dos espazos.  

Currículo

Ramón Ángel Bouzas Lorenzo (Boiro, 1967) é profesor titular do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía e colaborador nos programas formativos do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP). Con anterioridade á súa elección como decano, tamén formou parte en distintas etapas de anteriores equipos de dirección da Facultade. Foi Visiting Scholar na Goldman School of Public Policy da Universidade de California–Berkeley, un dos centros máis prestixiosos na investigación e asesoría en políticas públicas de Estados Unidos. Anteriormente foi tamén investigador visitante na Università degli Studi di Bologna (Italia) e no Interdisciplinary Institute of Management da London School of Economics and Political Science.

Dende 1994 participa ininterrompidamente en proxectos de investigación sobre desenvolvemento institucional, modernización da xestión pública e redeseño de políticas públicas. A súa docencia e investigación céntranse nos campos da análise das organizacións públicas, goberno dixital, recursos humanos, márketing de servizos públicos e políticas de igualdade de xénero. Na actualidade é o investigador principal do proxecto Development of Skills and Teachers Training for Leadership, financiado pola Comisión Europea dentro de programa Erasmus + Key Action 2.

The contents of this page were updated on 05.20.2021.