Skip to main content

Describen por vez primeira que a proteína supresora de tumores p53 ten un papel protector contra a obesidade

De esquerda a dereita, Omar Al-Massadi, Cintia Folgueira e Mar Quiñones
De esquerda a dereita, Omar Al-Massadi, Cintia Folgueira e Mar Quiñones

A activación da proteína p53 nunha rexión específica do cerebro é capaz de reverter a obesidade en ratos obesos, xa que diminúe a inxesta e, sobre todo, estimula a graxa parda -a que queima calorías aumentando así o gasto enerxético-. Pola contra, a súa inhibición específica na mesma rexión do cerebro provoca obesidade en animais de experimentación. Investigadores do grupo Metabolismo Molecular da USC acaban de demostralo por vez primeira nun artigo agora publicado na revista Nature Communications e representan unha continuación da liña de investigación pioneira que está realizando este equipo. O achado apunta a que p53 -coñecida ata agora pola súa función como supresor tumoral- pode actuar como unha nova diana terapéutica na loita contra a obesidade.

Mar Quiñones, Omar Al-Massadi e Cintia Folgueira, principais autores do estudo creen que estes resultados “poderían ter unha relevancia importante xa que indican que proteínas cun papel clave na formación ou supresión de tumores, tamén poden participar no desenvolvemento da obesidade”. Como explican, “existen resultados que indican que unha persoa obesa ten máis posibilidades de desenvolver certos tipos de cancro e, por tanto, dúas enfermidades que parecen tan alonxadas como o cancro e a obesidade, teñen mecanismos moleculares en común”.

O grupo de Metabolismo Molecular da USC, adscrito igualmente a CIBERobn e ao Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela (IDIS), desenvolveu este traballo en colaboración con prestixiosos centros nacionais e internacionais como o CNIO, o IDIBAPS, a Universidade de Córdoba, a Universidade de Cambridge, o Helzholtz Zentrum de Múnich ou o Instituto Max Planck de Alemaña.

A obesidade é unha enfermidade que actualmente afecta a gran parte da poboación e que se produce por unha acumulación excesiva de graxa no organismo, co conseguinte perigo para a saúde, pudendo ser orixe de múltiples enfermidades asociadas.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 08.24.2018.