Skip to main content

O proxecto de orzamentos municipais para 2019 recolle unha inversión de 200.000 euros no campus universitario

Vista xeral do Campus. Foto: RQ
Vista xeral do Campus. Foto: RQ

Nun encontro celebrado este xoves no Concello con representantes da xerencia da USC para presentar o proxecto de orzamentos municipais, a concelleira de Economía, María Rozas Pérez, e o coordinador do Gabinete da Alcaldía, Miguel Penas, deron conta das partidas que a administración local agarda destinar a actuacións no campus compostelán durante 2019.

Como se expuxo neste encontro, o concello incorpora nos seus proxectos de orzamentos dúas partidas por valor total de 200.000 euros. A metade destinarase a actuacións de mellora do alumeado público e o resto a intervencións na pavimentación das beirarrúas así como en instalacións do campus universitario en función de criterios de prioridade de uso. A execución destas partidas, de prosperar a súa aprobación no pleno municipal, acordaríase nunha comisión integrada por ambas partes na primeira quincena do vindeiro mes de xaneiro, para acordar o calendario de traballo.

Esta proposta de inversión para o campus universitario mellora nun 33% as inversións realizadas durante o presente ano no Campus Sur por parte do Concello e supón “un cambio cualitativo e cuantitativo positivo respecto a 2018”, como explicou o xerente da USC, Javier Ferreira Fernández. O xerente afirma igualmente que as actuacións previstas coinciden plenamente coas liñas de acción contempladas nos orzamentos da USC para 2019, nos que se recolle outra achega de 200.000 euros para labores de acondicionamento e mellora do campus universitario.

The contents of this page were updated on 12.27.2018.