Skip to main content

Xuntanza da Rede Galega de I+D de Medicamentos no Centro de Estudos Avanzados

Asisten ademais representantes da Rede Española de Excelencia en Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) e da Rede EU-Openscreen

O reitor Juan Viaño presidirá este mércores 28 a xuntanza da Rede Galega de I+D de Medicamentos (REGID), agrupación xurdida en 2007 e que acaba de renovar o seu financiamento para o período 2017/2019 por parte da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A xuntanza comezará no Centro de Estudos Avanzados a partir das 9.30 horas, e contará coa participación do asesor na Secretaría de Estado de Investigación, José Manuel Silva, así como de representantes da Rede Española de Excelencia en Descubrimento de Fármacos (REDEFAR) e da Rede EU-Openscreen, integrada por doce países europeos.

Coa súa sede no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), a REGID explota conxuntamente as colección de moléculas e as técnicas dos distintos grupos membros, compartindo infraestrutura, capacidades e coñecementos e desenvolve unha quimioteca galega común anotada biolóxica e biofarmacéutica. O obxectivo principal da rede é xerar sinerxías e unha masa crítica que permita trasladar o alto nivel de investigación biomédica en Galicia a valorización en inicio de programas de descubrimento de fármacos.

Programa
Logo da inauguración oficial, a coordinadora de REGID, a profesora Mabel Loza García, moderará un coloquio no que José Manuel Silva presentará o relatorio ‘Unha visión global do mundo con Galicia, España e Europa en perspectiva’ para abordar o financiamento da investigación en descubrimento de fármacos na contorna española e europea.

A xuntanza, coa participacións de REDEFAR e EU-Openscreen, sirve de punto de encontro dos distintos grupos que nos planos autonómico, estatal e europeo traballan no desenvolvemento de fármacos para a busca de sinerxías e novas vías de colaboración conxunta, con particular atención ás posibilidade de cooperación interdisciplinar.

The contents of this page were updated on 02.27.2018.