Skip to main content

Veterinaria e Hula suman esforzos na loita contra o cancro

Somos Unidos polo Cancro entrega un cheque coa doazón da familia de Alberto Otero a investigadores do HULA e da USC
Somos Unidos polo Cancro entrega un cheque coa doazón da familia de Alberto Otero a investigadores do HULA e da USC
Investigadores da USC liderados por Laura Sánchez Piñón impulsan xunto co Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario Lucus Augusti unha investigación sobre glioblastomas que incorpora modelos animais grazas a unha doazón de 8.000 euros achegados pola asociación Somos Unidos contra o Cancro e a familia de Alberto Otero
Lugo, Santiago de Compostela

O estudo das causas dos glioblastomas, un dos tumores cerebrais máis agresivos, e o deseño de terapias ou tratamentos orientados á súa curación, centra una nova liña de traballo na que colaboran investigadores da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e do Cimus da USC xunto co Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Este ambicioso proxecto de I+D, que responde á colaboración multidisciplinar que rexe o enfoque da One Health e que incorpora o uso de modelos animais para o estudo de patoloxías canceríxenas, vén de dar os seus primeiros pasos grazas a unha doazón de 8.000 euros realizada pola familia de Alberto Otero, un profesor lugués finado a consecuencia desta enfermidade, e da asociación Somos Unidos polo Cancro.

Este proxecto sobre glioblastomas terá un importante impulso grazas á iniciativa da familia de Alberto Otero, que logo de convidar a canalizar cara a investigación os gastos en flores tralo seu pasamento por mor desta enfermidade, recadou máis de 5.800 euros, unha contía económica á que cómpre sumar outros 2.200 euros de Somos Unidos polo Cancro e que xa se entregou esta semana aos investigadores implicados nun programa que busca desenvolver e testar en peixe cebra, cuxo xenoma coincide nun 85% co dos humanos, inmunoterapias e nanofármacos capaces de contrarrestar os efectos deste mortífero tumor cerebral, ademais de avanzar no seu diagnóstico.

O doutor do Servizo de Neurocirurxía do Hula Pedro Reimunde é o investigador principal deste proxecto, no que tamén teñen unha implicación salientable os grupos de investigación da USC ZebraBioRes e Gapavet, con sede na Facultade de Veterinaria e coordinados, respectivamente, pola catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón e pola profesora de Anatomía Patolóxica, Maribel Quiroga Berdeal, ademais de Fernando Torres, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus). Os tamén profesores da USC Ana Losada, Roberto Pose e Luciano Espino, ademais dos investigadores predoutorais Vanesa Lombao e Martín Carreira completan o equipo de traballo.

O peixe cebra será un dos modelos animais empregados por este equipo de científicos para avanzar na súa particular loita contra o glioblastoma, tal e como se coñece o tumor cerebral máis maligno, agresivo e mortal, ao que, de momento, resulta imposible dar solución desde a cirurxía. Alén do peixe cebra, unha especie xa empregada para probar outros tratamentos oncolóxcios, a profesora Maribel Quiroga, adiantou que esta nova liña de investigación tamén incorpora o can como modelo de estudo animal.

De feito, engade Quiroga Berdeal, os cans aportan de maneira espontánea valiosos datos sobre enfermidades humanas complexas como o cancro. Asemade, explicou que os glioblastomas humanos e caninos teñen bastantes semellanzas, o que significa que o can pode ser un excelente modelo para comprendelos e axudar a atopar tratamentos de aplicación tanto en medicina humana como veterinaria.

Somos Unidos polo Cancro entrega un cheque coa doazón de fondos propios da asociación Otero a investigadores do HULA e da USC
Somos Unidos polo Cancro entrega un cheque coa doazón de fondos propios da asociación Otero a investigadores do HULA e da USC
The contents of this page were updated on 05.26.2021.