Un novo Plan fortalece o compromiso da USC coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres
O compromiso co principio de igualdade conforma un dos piares do modelo de responsabilidade social da USC. Partindo desta premisa, o Consello de Goberno aprobou este venres o III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC (2021-2024) co que a institución quere reforzar o seu compromiso coa igualdade de xénero en seis áreas concretas: cultura institucional; docencia, investigación e transferencia; presenza, promoción e representación; conciliación corresponsable; acoso e violencia de xénero; e condicións sociosanitarias no traballo.
O Plan estruturado en 85 accións específicas, nace como froito dun amplo consenso participativo e do compromiso de inclusión dos colectivos da comunidade universitaria, de maneira que se teñan en conta as súas necesidades e características. O documento aspira a fortalecer o compromiso institucional coa igualdade; potenciar a cultura e compromiso coa igualdade na comunidade universitaria; e promover a introdución da perspectiva de xénero na docencia, investigación e transferencia da USC.
Asemade, o documento quere promover a igualdade de oportunidades na traxectoria profesional, así como o equilibrio na presenza de alumnas e alumnos nas titulacións e a igualdade de oportunidades na inserción laboral. Acadar a participación e a representación equilibrada nos diferentes órganos e niveis de toma de decisións; facer valer o dereito á conciliación e fomentar a corresponsabilidade; detectar e combater as situacións de acoso na USC; e impulsar a perspectiva de xénero na prevención dos riscos laborais completan a listaxe de obxectivos que vertebran o Plan que acaba de ver a luz.
Teletraballo
O acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo no ámbito do Persoal de Administración e Servizos (PAS) foi outro dos puntos aprobados na reunión deste venres, froito dun proceso de negociación cos representantes dos traballadores e traballadoras. Os avances no ámbito das tecnoloxías posibilitaron que o teletraballo se constituíse nun modelo laboral tecnicamente viable para o sector público que ten beneficios sociais na medida en que fomenta a conciliación da vida laboral e familiar, pero tamén contribúe á eficiencia da Administración e pode traducirse nunha mellora da produtividade.
A Xerencia e os representantes do PAS negociaron a finais de 2018 un programa experimental para a implantación do teletraballo. A declaración do estado de alarma o 14 de marzo de 2020, derivada da crise sanitaria pola COVID-19, e a obrigatoriedade, primeiro, e a preferencia durante varios meses polo traballo non presencial nas actividades declaradas non esenciais, contribuíu a que o tecido empresarial, as diferentes administracións públicas e, entre elas, a USC, mudasen os seus procedementos implantándoos telematicamente de xeito íntegro, polo que se abriu a posibilidade de avanzar na extensión do programa experimental a outras unidades administrativas. Esta nova modalidade de carácter voluntario e reversible, á que agora se lle dá pulo, será complementaria da presencialidade, garantindo en todo caso a atención directa presencial.
CISPAC
A reunión deu asemade luz verde á creación do Centro de investigación interuniversitario das paisaxes atlánticas culturais (CISPAC) no que toman parte USC, UDC e UVigo. Este centro interuniversitario de nova xeración, que a USC pretende integrar na rede de centros singulares, ten como misión a investigación sobre as paisaxes dende unha perspectiva transdisciplinar, na procura de dar respostas epistémicas aos retos contemporáneos, para producir dende o coñecemento outra forma de ollar e traballar a paisaxe, o patrimonio e a produción, dende a identidade, a participación e sustentabilidade. Para a USC é un obxectivo prioritario converter este centro nunha referencia internacional para o desenvolvemento de investigación e reflexión crítica no seu ámbito de traballo. O seu emprazamento será o Edificio Fontán da Cidade da Cultura.
Seguridade e saúde no traballo
O valor das persoas é o eixe central da actividade preventiva, de aí a necesidade de garantir un nivel elevado na seguridade, saúde e benestar de todos/as promovendo a mellora das condicións nas que se desenvolven as actividades laborais, docentes, de estudo e de investigación. O documento sobre a Política de Seguridade e Saúde no Traballo aprobado este venres contempla a consideración da prevención de riscos como un requisito imprescindible para acadar a calidade na actividade universitaria, incluíndo o respecto ás condicións de seguridade, saúde e benestar das persoas como un elemento central da cultura da calidade.
Neste contexto, tamén se acadou un acordo sobre a xestión e control dos procesos de incapacidade temporal, as ausencias por enfermidade ou accidente que non dean lugar a incapacidade temporal e a incorporación progresiva despois de tratamentos oncolóxicos, eido de actuación no que a USC non posuía unha regulamentación específica.
Axudas extraordinarias para o alumnado internacional
A USC consciente e sensible ante a existencia de alumnado internacional que está a atravesar unha situación de graves dificultades económicas e que poñen en perigo a continuidade dos seus estudos, considera necesario o establecemento dunha convocatoria de axudas extraordinarias, consonte os principios de equidade e xustiza social. Neste senso, o Consello Social financia cun fondo de 6.000 euros, a convocatoria de axudas extraordinarias para o estudantado internacional en situación sobrevida de extrema e urxente necesidade. As bases desta convocatoria foron tamén aprobadas polo Consello de Goberno.
IV Ciclo
O órgano colexiado aprobou este venres un novo Regulamento para o Programa Universitario para Maiores, tamén coñecido como IV Ciclo e que está dirixido a maiores de 50 anos, que permita dotar dun marco de estabilidade necesario a este programa, tanto para a organización das actividades docentes, formativas e estudantís como para a planificación e funcionamento da súa xestión.
No capítulo relativo ao PDI, o Consello acometeu cambios de dedicación do profesorado, prórrogas de comisións de servizos, reposición de vacantes, así como a actualización da planificación de 2020 e modificación da RPT derivada, alén da autorización para a cobertura interna de prazas para a estabilización de investigadores Ramón y Cajal. A aprobación de propostas e memorias de estudos propios, así como a modificación de réxime interno do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) foron outras das cuestións abordadas na reunión deste venres.