USC e Parlamento de Galicia reforzan o programa de prácticas académicas do alumnado de Dereito
O Parlamento de Galicia reforzará o programa de prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, do alumnado do grao en Dereito da USC. Así o recolle un convenio de colaboración educativa asinado este luns polo reitor Antonio López e polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira.
Este documento dálle pulo ás diferentes iniciativas de colaboración emprendidas entre a USC e a Cámara Galega dende o ano 2004, no que se rubricou o primeiro acordo orientado a que estudantado de Dereito da Universidade compostelá puidese realizar o seu Prácticum no Parlamento de Galicia. Dende entón, preto de 500 alumnos/as desta Facultade realizaron prácticas na institución parlamentaria. Arredor de doce persoas desta Administración participan e fan posible esta iniciativa.
O convenio asinado este luns determina a posibilidade de realizar no Parlamento tres tipos de prácticas: as curriculares, recollidas no plan de estudo; as conducentes á elaboración dos traballos de fin de grao e/ou de fin de máster; e as extracurriculares ou complementarias. De ser preciso, o Parlamento contribuirá tamén á formación práctica do alumnado impartindo docencia teórico-práctica especializada por parte de persoas expertas da institución.
O acordo establece o impulso de polo menos unha convocatoria de prácticas por cada curso académico, con prioridade das prácticas curriculares sobre a extracurriculares. O número de prazas a convocar será fixado pola comisión de seguimento do convenio, integrada por representantes da USC e do Parlamento.