Skip to main content

USC e Concello de Lugo acordan converter o espazo arqueolóxico da Domus do Mitreo nun museo con “nervio” universitario

Juan Viaño e Lara Méndez, na sinatura do convenio
Juan Viaño e Lara Méndez, na sinatura do convenio
O reitor Juan Viaño e alcaldesa Lara Méndez asinan o convenio polo que a USC asume a xestión da Domus do Mitreo, que segue integrado na rede municipal de museos

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Concello de Lugo impulsan as potencialidades culturais, turísticas e tamén de investigación do xacemento da Domus do Mitreo , que o pasado ano recibiu máis de 15.000 visitantes, a través da súa conversión nun museo con “nervio” universitario, en virtude do convenio asinado este mércores no consistorio lugués entre o reitor Juan Viaño e a alcaldesa Lara Méndez.

A USC asumirá a xestión integral do Museo Universitario Domus do Mitreo, cuxa titularidade seguirá a ser compartida entre Concello e USC e permanecerá integrado na rede de museos de Lugo, segundo se recolle no citado convenio, no que tamén se establecen as obrigas asociadas á conservación, mantemento e posta en valor dun espazo musealizado in situ e que esperta “un gran interese”. A ampliación do horario de visitas a xacemento da Domus do Mitreo e o aproveitamento deste espazo para desenvolver novas iniciativas docentes ou no eido da I+D+i serán algúns efectos do acordo polo que se enclave adquirirá a condición de museo universitario, “un convenio que beneficia especialmente á cidade de Lugo”, salientou Lara Méndez.

O convenio para o Museo Universitario da Domus do Mitreo, cuxa estrutura de gobernanza como centro de investigación universitario se desenvolverá nas próximas semanas, obriga tamén a manter a colaboración entre as dúas entidades respecto de todo aquelo que afecte ao funcionamento do mesmo. Para tales efectos, USC e Concello crearán unha comisión paritaria encargada de velar polo cumprimento dos requisitos establecidos nun convenio que nace cunha vixencia para un período de catro anos, aínda que renovable no tempo.

Convenio marco entre USC e Concello de Lugo

O reitor da USC e a alcaldesa de Lugo asinaron tamén este mércores un convenio marco, a través do que as dúas institucións establecen un marco de colaboración en actividades de interese mutuo pola súa transcendencia social, científica, cultural e educativa no ámbito do patrimonio cultural lugués. Este acordo xeral desenvolverase logo a través de accións ou convenios específicos, que definan as actuacións ou proxectos determinados.

Parte das futuras actuacións para as que habilita este convenio marco está relacionadas coas liñas de traballo do Centro de Estudos da Cidade de Lugo, un centro universitario posto en marcha en 2002 a iniciativa profesor Antonio Rodríguez Colmenero e dirixido na actualidade pola catedrática Ana Goy Diz. Neste período o centro xestionou uns 800.000 euros de fondos para I+D, segundo indicou Viaño.

De feito, este convenio marco posibilitará o Centro de Estudos da Cidade se ubique nas dependencias do Vello Cárcere, o que reforzará a súa condición de centro cultura, ao tempo que contribuirá a avanzar na candidatura para que o casco histórico da cidade sexa declarado Ben Mundial, ou para distintas accións do proxecto Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiado nun 80% con Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), tal e como lembrou a Alcaldesa que xa se fixera co estudo histórico xeolóxico das marxes do río Miño.

The contents of this page were updated on 02.28.2018.