Skip to main content

Elena Vázquez Cendón manterá “o algoritmo do consenso” como decana de Matemáticas

A profesora Vázquez Cendón é decana deste centro dende o 16 de xuño de 2017. FOTO: Santi Alvite
A profesora Vázquez Cendón é decana deste centro dende o 16 de xuño de 2017. FOTO: Santi Alvite
“Esta é unha Facultade magnífica tanto no eido docente, como no investigador e de transferencia” destacou o reitor Antonio López na súa intervención
Santiago de Compostela

“Xestionar o continente da Facultade de Matemáticas co algoritmo do consenso aplicado estes catro anos” é a receita que Elena Vázquez Cendón reivindicou no seu discurso de toma de posesión como decana do centro. O tempo, o espazo e as persoas conformaron os tres eixos sobre os que se asentou a intervención da profesora da USC, quen realizou un percorrido polo seu vínculo coa institución compostelá dende 1984 —ano no que formaliza a súa primeira matrícula como alumna—, para despois salientar que nesta nova etapa na que repite á fronte da dirección da Facultade “non queremos ser máis para facer menos, queremos facelo mellor”.

O reitor Antonio López quixo deixar patente que a Facultade de Matemáticas é única na Comunidade Autónoma para despois cualificala como “magnífica tanto no eido docente, como no investigador e de transferencia”. Facer fronte ao relevo xeracional foi outro dos retos sinalados no discurso xa que “trazar unha liña de continuidade é a que pode xerar ilusión”, explicou Antonio López. Neste senso, o reitor lembrou a aposta pola dotación de prazas de axudantes doutores que está a trazar a USC, alén dos procesos de consolidación do seu persoal. Asemade, no capítulo dedicado a infraestruturas, o reitor anunciou, en liña coas demandas da propia decana, que en vindeiras datas acometeranse no centro reformas de carácter térmico. 

As persoas

O agradecemento a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos constituíu unha parte sobranceira do discurso de Vázquez Cendón. “Grazas a todas e todos os representantes de estudantes dos catro cursos, por construír solucións, identificar problemas e entender, discrepando ou coincidindo coas nosas propostas”, sinalou a decana. Xunto a eles, o profesorado do centro e as súas necesidades foi outro dos puntos capitais da intervención. “Toca salientar o esforzo e compromiso do profesorado de todas as áreas de coñecemento”, sinalou Vázquez Cendón para logo defender a “necesidade de consolidar prazas de profesorado”. “Se queremos apostar pola universidade pública, non podemos poñer ao dispor dos responsables das universidades privadas profesionais ben formados e non consolidados no sistema público”, sinalou, alén de poñer énfase en que a conciliación debe ser un fío que vincule toda a actividade do centro xa que “queremos que a conciliación coa vida persoal e familiar sexa un feito do recentemente aprobado Plan de Igualdade entre homes e mulleres da USC”.

Oferta docente

De cara a esta nova andaina, Vázquez Cendón  subliñou que os traballos fin de grao deste ano conforman un “máximo histórico que agardamos frutifique cunha das maiores promocións de graduadas e graduados en Matemáticas”. Asemade a decana detívose na que será a segunda promoción de persoas que se titulan no dobre grado en Matemáticas e Física; alén do primeiro curso no que se titularán estudantes do dobre grao en Enxeñaría Informática e Matemáticas. Asemade, o centro conta con tres mestrados que “conforman unha oferta plural e moi demandada”. Trátase do Máster de Técnicas Estatísticas; en Matemáticas; e en Matemática Industrial.

Conexión co Ensino Medio

A Olimpíada Matemática Galega, o programa de estímulo matemático Estalmat-Galicia ou o proxecto ‘Marzo Mes das Matemáticas’ foron tan só algúns dos exemplos citados pola decana para poñer en valor a estreita conexión que o centro mantén co Ensino Medio. “Nós sementamos e logo veñen, comparten as súas vivencias educativas nos estudos de grao”, apuntou Vázquez Cendón. “As bolboretas que hoxe vemos foron vermes no pasado, que alimentamos con moito coidado e temos que seguir facéndoo”, continuou a decana para logo subliñar a súa vontade de seguir traballando co Ensino Medio e fornecendo o compromiso co programa A Ponte entre o ensino Medio e a USC.

Equipo de goberno

Á fronte da dirección do centro, Vázquez Cendón estará acompañada por Mercedes Conde Amboage e Rosana Rodríguez López como vicedecanas; e Beatriz Pateiro López, como secretaria. A profesora Vázquez Cendón é decana deste centro dende o 16 de xuño de 2017.

Currículo

Profesora de Matemática Aplicada da USC, naceu en Ourense o 2 de marzo de 1966. En 1984, trasladouse a Compostela para estudar Ciencias Matemáticas, carreira na que se licenciou, graduou e doutorou. Dende 1997 é profesora titular do Departamento de Matemática Aplicada. Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática e da Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA) dende a súa constitución, así como da Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA) e da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica DivulgAcción.

Coordinadora xeral, dende xullo do 2014 ata setembro de 2018, do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para nenos e nenas de 12 a 15 anos, é tamén responsable do seguimento dos egresados e da conexión do proxecto coas STEM dende setembro de 2018 e presidenta de Estalmat-Galicia dende o 10 de abril de 2021. É membro do Instituto de Matemáticas da USC e investigadora adscrita ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, así como coordinadora xeral do Máster en Matemática Industrial, impartido pola USC, UDC, UVigo, Carlos III e Politécnica de Madrid.

Participa, asemade, impartindo charlas e talleres en centros de Ensino Medio de Galicia tanto en temas de divulgación científica como de Muller e Ciencia, colaborando nos cursos 2015-16 e 2016-17 cos Programa Diana e Ada, respectivamente, a proposta da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Vázquez Cendón é membro tamén do Plenario do Consello da Cultura Galega dende maio de 2018, así como da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega dende 2012 e coordinadora da mesma dende xullo de 2018. É membro da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia e forma parte do directorio de Referentes galegas.

O reitor e a secretaria xeral posan co equipo de goberno de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
O reitor e a secretaria xeral posan co equipo de goberno de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.02.2021.