Estrea da ópera ‘Rita’, unha adaptación da obra de Donizetti

O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela estrea a vindeira semana na cidade a ópera ‘Rita’, a primeira ópera escenificada completa producida polo centro e na que o elenco o forma o alumnado dirixido polo seu profesorado.
A estrea absoluta será o 5 de marzo ás 20.30 horas no propio conservatorio, e a seguinte cita terá lugar o 8 de marzo á mesma hora na Igrexa da Universidade. Dadas as características do espazo, para acceder ao espectáculo é preciso retirar previamente as entradas (gratuítas), que xa están dispoñibles de 9.00 a 14.00 horas na Área de Cultura da USC na Casa da Balconada ou no Conservatorio durante todo o día. A maiores das representacións en Compostela, este mes tamén as haberá en Cambados (7 de marzo) e Noia (11 de marzo).
Con Alejandro Valcárcel na dirección musical, a orquesta compóñena os violinistas Roberto Santamarina, Gonzalo Muiño, Ângela Neto e Aldara Palmeiro; as violas Adela Beiro e Iria Levoso; os violonchelistas Xesus Seoane e Xulio Lemos; Laura Cernadas e Jésica Paz no contrabaixo; a frautista Noelia Ramos, os óboes Cecilia Castro e Gonzalo Arévalo; o clarinetista José Carlos Díaz; Darío Neira na trompa e Belén Carril no fagot. Alba Díaz é a pianista e repertorista.
O elenco está formado pola soprano Anna Melikhova no papel de Rita, o tenor Christian Losada no de Beppe (actual parella de Rita) e o barítono Pablo Nieves como Gaspar, primeiro marido.
A ópera orixinal é unha comedia doméstica formada por oito números musicais enlazados con diálogo falado. Rematouse no 1841 baixo o título Deux hommes et une femme (Dous homes e unha muller), describindo as relacións de parella no século XIX, pero Donizetti, o seu autor, nunca a viu representada. A nova proposta escénica, dinámica e divertida, dálle un novo sentido á obra de mans da directora de escena, Luz Alonso, que lle imprime un carácter educativo que ensina valores como o respecto e o agarimo.
Gaetano Donizetti Donizetti é considerado un dos pais da ópera romántica. Sendo mozo estudou arquitectura e leis, pero pronto as abandonou pola música, o debuxo e a poesía. Para abordar estas disciplinas inscribiuse na escola de música da súa cidade, Bérgamo. Alí coñeceu as partituras de Rossini, que o influíron. Logo foi a Bolonia, onde estudou baixo a tutela do pai Mattei. Ingresou no exército austríaco, pero seguiu compoñendo. Con Zoraide de Granada obtivo un gran éxito e foi nomeado como "rei da ópera", conseguindo que o dispensasen do servizo militar. Pasou os seus últimos anos recluído nun sanatorio mental.