Skip to main content

O 7% das mortes por cancro de pulmón en Galicia prodúcense por mor da exposición ao radon

Colocación dun medidor de radon. FOTO: Santi Alvite
Colocación dun medidor de radon. FOTO: Santi Alvite
No conxunto de España esta porcentaxe alcanza o 4% e a meirande parte dos pasamentos afectan a homes, fundamentalmente fumadores e exfumadores
Santiago de Compostela

Investigadores da Facultade de Medicina da USC e do Laboratorio de Radon de Galicia, en colaboración co Ministerio de Sanidade e o Consello de Seguridade Nuclear, acaban de publicar un estudo na revista Environmental Research, no que se estima o impacto do radon na mortalidade por cancro de pulmón en España no ano 2017. A investigación constata que a exposición ao radon está detrás do 4% das mortes que se producen en España por mor do cancro de pulmón. No caso galego, esta porcentaxe ascende ata o 7% das mortes.

O obxectivo principal da análise, liderada polo profesor da USC Alberto Ruano, foi estimar a mortalidade por cancro pulmonar producida pola exposición a radon en España e nas súas comunidades autónomas. “O estudo aplica, por primeira vez, unha corrección da exposición a radon pola altura da vivenda, xa que as persoas que viven en pisos altos teñen unha menor exposición”, sinala o profesor Ruano. Logo do 7% de mortes identificadas en Galicia pola exposición a este gas canceríxeno, a segunda comunidade máis afectada é Estremadura cun 6,9%. “Os datos indican que, de non corrixir a exposición a radon pola altura da vivenda, a carga de mortalidade duplicaríase”, engade Alberto Ruano. A meirande parte destas mortes ocorren en homes fumadores e exfumadores.

Metodoloxía

Para esta investigación empregáronse datos do Mapa de Radon de España, cedidos polo Consello de Seguridade Nuclear —no que tamén colaborou o Laboratorio de Radon de Galicia— e riscos de cancro pulmonar obtidos nun estudo internacional, desenvolvido polos mesmos investigadores e publicado na mesma revista en 2020, que incluíu a preto de 4.000 participantes. “Segundo a base de dados expertscape, a investigación sobre radon desenvolvida polos investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia da USC sitúase á vangarda internacional no estudo do radon residencial”, apunta o profesor Ruano.

Implicacións

Os resultados desta investigación teñen importantes implicacións para o desenvolvemento de políticas públicas de redución da concentración deste gas nas vivendas e para a aplicación da directiva europea de protección fronte ás radiacións ionizantes, tanto para poboación xeral coma para traballadores. “A directiva xa debería estar en vigor en España dende 2018. Cabe destacar que toda vivenda nova debe ter protección antirradon, tal e como indica o novo Código Técnico da Edificación e que as medicións deben facerse por Laboratorios acreditados”, sinala Alberto Ruano. Polo de agora, o Laboratorio de Radon de Galicia é un dos poucos a nivel estatal —e o único a nivel autonómico— acreditado para facer ditas medicións, xa que conta coa acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e o rexistro en RELAGA, onde se inscriben os Laboratorios e Entidades de Control da Calidade da Edificación de Galicia habilitados para o exercicio da súa actividade e pertencente á Xunta de Galicia, todos eles requisitos obrigatorios para a medición de radon en vivendas.

Este estudo enmárcase no grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia en Epidemioloxía e Saúde Pública, coordinado polo profesor Ruano, así como no Plan Nacional de Radon, alén de ser comisionado polo Ministerio de Sanidade.

The contents of this page were updated on 06.09.2021.