Skip to main content

Dereito profunda na negociación colectiva e na economía de plataformas

O número de inscritos supera os 250, “con gran variedade de orixes xeográficas e traxectorias profesionais”, sinalan dende a organización. FOTO: Santi Alvite
O número de inscritos supera os 250, “con gran variedade de orixes xeográficas e traxectorias profesionais”, sinalan dende a organización. FOTO: Santi Alvite
O congreso internacional inaugurado este xoves conta coa intervención de investigadores e de axentes sociais dunha vintena de países
Santiago de Compostela

Baixo o lema ‘Negociación Colectiva e Economía de Plataformas’ botou a andar este xoves o congreso internacional de clausura do proxecto de investigación ‘Collective Bargaining and the Gig Economy: New Perspectives-VS/2019/0084’ (COGENS), cofinanciado pola Unión Europea e liderado polo profesor da USC José María Miranda Boto, así como Wirtschaftsuniversität de Viena e a consultora francesa Astrées. O reitor Antonio López tomou parte no acto inaugural deste foro que será clausurado o venres pola xurista María Emilia Casas Baamonde. O congreso conta coa intervención de investigadores e de axentes sociais dunha vintena de países. O número de inscritos supera os 250, “con gran variedade de orixes xeográficas e traxectorias profesionais”, sinalan dende a organización.

Dende comezos de 2019, os integrantes do proxecto estiveron investigando e debatendo os temas que dan pé aos contidos principais deste congreso, no que se presentan os resultados finais de dous seminarios transnacionais que tiveron lugar en Viena e Lund (Suecia). No proxecto púxose especial énfase en dar voz ás persoas que traballan na economía de plataformas, aos seus empregadores e aos seus respectivos representantes. O obxectivo do proxecto é explorar se os convenios colectivos poderían ofrecer os medios para garantir algún tipo de protección laboral para as persoas que traballan na economía de plataformas.

“Isto implica, por exemplo, a avaliación dos axentes negociadores de diferentes Estados Membros, comprobar se estes actores están a participar nas dinámicas da economía de plataformas ou se están a ser substituídos, de forma total ou parcial, por novos axentes”, sinalan dende o proxecto. Os paneis do congreso abarcan os piares da regulación a través da interpretación de marcos legais xa existentes, a regulación de lege ferenda e o estudo de convenios reais —non moi abundantes aínda na economía de plataformas—como os traballos exploratorios nesta materia. O Congreso combina as sesións presenciais na Facultade de Dereito con intervencións en liña.

The contents of this page were updated on 06.10.2021.