Skip to main content

A EPS de Enxeñaría avanza na viticultura de precisión en Galicia co proxecto europeo VINIoT

Sensores instalados en viñedos de variedade de uva Mencía e Treixadura
Sensores instalados en viñedos de variedade de uva Mencía e Treixadura
Enxeñeiros agrícolas da EPSE instalan sensores en viñedos de variedade Mencía e Treixadura para optimizar a xestión do seu estado hídrico e mellorar a fertilización
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC avanza na viticultura de precisión en Galicia ao abeiro do proxecto VINIoT, un programa europeo Interreg SUDOE que conta cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros e no que investigadores do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC participan ata finais de setembro da man dun consorcio internacional liderado polo centro tecnolóxico AIMEN.

A principal innovación que persegue VINIoT pasa por fusionar nunha mesma solución as dúas principais tecnoloxías que se utilizan na actualidade de xeito independente na monitorización de viñedos: imaxes multiespectrais e sensores de solo, a través da creación dun sistema de arquitectura IoT que permita a recollida e valoración de información precisa a nivel de uva, planta, parcela e viñedo, segundo relata Javier J. Cancela.

O profesor e investigador da EPS de Enxeñaría da USC sinalou neste senso que un dos cometidos dos enxeñeiros agrícolas ligados ao Campus de Lugo que toman parte neste programa centrouse na instalación de sensores acaídos para a medición do contido de auga no solo, e da temperatura, dispositivos tecnolóxicos que facilitarán a xestión do estado hídrico de viñedos con variedades de uva Mencía e Treixadura.

A instalación de sensores de proximidade introduce a dixitalización no agro galego e favorece as prácticas e manexo de precisión nun cultivo que require dun control da auga dispoñible para a planta, a fin de avanzar así na busca e a conseguinte determinación da uso eficiente do abonado, a través da fertirrega.

As condicións climáticas e as variacións experimentadas ao longo dos últimos anos, engade Javier J. Cancela, propiciaron xa que moitos viticultores optaran por implantar nas súas respectivas áreas de cultivo sistemas de rega, que requiren dun manexo correcto para acadar o aproveitamento desexado.

Daquela, os socios que integran o consorcio promotor do proxecto VINIoT, entre os que se atopan ademais de AIMEN, o Instituto Nacional de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía para o Desenvolvemento da Agricultura (Irstea), o tamén francés Instituto Nacional de Investigación en Agronomía (Inra), a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), a Asociación p ara o Desenvolvemento da Viticultura Duriense (Advid) de Portugal, o Instituto Francés da Vide e do Viño, o Goberno da Rioxa, a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), colaboran este programa para estudar e definir estratexias de seguimento do estado hídrico de viñedos a partir do emprego de diferentes sensores térmicos e do solo, así como do aproveitamento da información que achegan as imaxes hiperspectrais.

 

The contents of this page were updated on 06.11.2021.