Skip to main content

A USC súmase aos actos do 18 aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola Unesco

Acto conmemorativo do 18 anos da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola Unesco
Acto conmemorativo do 18 anos da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola Unesco
A vicerreitora Montserrat Valcárcel participa na celebración organizada polo Concello de Lugo e asistirá o sábado á sesión promovida pola Xunta co gallo desta efeméride

A USC súmase aos actos organizados na cidade de Lugo co gallo da celebración do 18 aniversario da declaración da muralla romana como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco o primeiro de decembro do ano 2000, unha efeméride que está a rememorar a sociedade lucense con diversas iniciativas ao longo destes días.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, participou este venres non simbólico acto organizado polo Concello de Lugo na emblemática Mosqueira, onde se descolgou un estandarte conmemorativo desde o adarve da muralla romana. A sesión, na que participaron representantes das diversas administracións políticas con presenza en Lugo, ademais de escolares e cidadanía en xeral, rematou co público presente cantando o ‘cumpreanos feliz’ ao monumento.

As celebracións institucionais do 18 aniversario da declaración da muralla romana como Patrimonio da Humanidade pola Unesco terán continuidade este sábado 1 de decembro no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, onde se desenvolverá, a partir das 11.30 horas, unha xornada de portas abertas, que inclúe unha exposición e unha mesa redonda sobre as actuacións no monumento xa promovidas pola Xunta, así como sobre as propostas de intervención futuras que se acometerán nos próximos meses.

A profesora de Botánica da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Elvira Díaz Vizcaíno será unha das relatoras que interveñan neste foro sobre a historia e a natureza da muralla romana de Lugo, unha temática sobre a que tamén farán as súas respectivas achegas Marcos Otero Filgueiras, biólogo responsable do estudo da fauna da muralla; o arqueólogo e director das intervencións arqueolóxicas no monumento romano, Celso Rodríguez Cao, e o director das actuacións de conservación e restauración, Ignacio López de Rego.

The contents of this page were updated on 11.30.2018.