Resoltos os XIV Premios á calidade lingüística dos TFG-PFC e TFM
A Universidade de Santiago acaba de resolver os seus Premios á calidade lingüística, que pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño ou a coherencia na nosa lingua.
Ao chamado da última convocatoria presentáronse 68 TFG (10 en Artes e Humanidades, 14 en Ciencias, 14 en Ciencias da Saúde, 22 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 8 en Enxeñaría) e 35 TFM (7 en Artes e Humanidades, 3 en Ciencias, 4 en Ciencias da Saúde, 19 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 3 en Enxeñaría e Arquitectura).
As habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias á vista dos traballos presentados, que lle ocasionaron non poucas dificultades ao xurado para poder elixir os mellores e motivou que en varias categorías os premios se concedan ex-aequo mesmo entre tres traballos.
Premios aos TFG-PFC Os premios para os TFG-PFC, dotados con 300 euros e diploma, foron para Interacción dixital rururbana. Nodos naturais, de Pablo Rey Fernández, de Enxeñaría Informática (Área de Enxeñaría), que lle dirixiron José Ángel Taboada González, José Ramón Ríos Viqueira e Roi Martínez Valladares; Como se mide o impacto económico dos incendios forestais, da estudante de Economía Alba Martínez Mirás, titorizado por María Loureiro García; e Febre no campo. Fútbol en Fene ata 1936, de Roque Sanfiz Arias, de Historia, con Miguel Cabo Villaverde como director.
Na área de Ciencias concedéronse ex-aequo a Aspectos topolóxicos do Teorema de Arzelà-Ascoli, do estudante de Matemáticas Marcos Tella Álvarez, dirixido por Fernando Adrián Fernández Tojo; Efectos do SOK1 na regulación da gliconeoxénese hepática, da alumna de Bioloxía Sara Vázquez Mera, con Celia María Pombo Ramos como titora; e a Introdución á integral de Henstock-Kurzweil, de Antía Álvarez Ares, tamén estudante de Matemáticas, que contou coa dirección de Fernando Adrián Fernández Tojo.
Na área de Ciencias da Saúde comparten o premio A acción colectiva no movemento estudantil. Potencia explicativa das variables psicosociais sobre a intención de participación no movemento estudantil, da estudante de Psicoloxía Clara González Fernández, titorizado por José Manuel Sabucedo Cameselle; e A síndrome de burnout en pais e nais de nenos con cancro, de Sara Martínez Ferreiro, do Grao en Enfermaría, un TFG dirixido por Silvia Novío Mallón.
Premios aos TFM Os premios para os TFM, dotados con 500 euros e diploma, foron para Optimización da etapa de enriquecemento dun cultivo mixto para a produción de polihidroxialcanoatos a partir de augas de cocedoiro de mexillón, de Lucía Argiz Montes, do Mestrado de Enxeñaría Ambiental, titorizada por Anuska Mosquera Corral; Evolución dos textos iniciais nos manuais de galego desde a Transición ata a actualidade, de Raquel Vila Amado, do Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, con María López Sández como titora; Procesamento de palabras emocionais positivas e erros de concordancia de xénero: un estudo de potenciais evocados, de Jéssica Suárez Arufe, do Máster en Neurociencia, dirixida por Isabel Fraga Carou; e A representación das soldadeiras nas cantigas de escarnio galego-portuguesas, de Tania Vázquez García, do Mestrado en Estudos Medievais Interdisciplinares ‘Imaxes, Textos e Contextos’, dirixido por Esther Corral Díaz.
Nesta categoría, na área de Ciencias comparten o premio os traballos Contrastes de independencia para datos xenómicos de alta dimensión, de Fernando Castro Pardo, do Mestrado en Técnicas Estatísticas, un TFG dirixido por Wenceslao González Manteiga; e Hipersuperficies con curvaturas principais constantes en variedades Kähler con curvatura seccional holomorfa constante, de Alberto Rodríguez Vázquez, do Mestrado en Matemáticas, baixo a dirección de José Carlos Díaz Ramos e Miguel Domínguez Vázquez.
Os galardóns seranlles entregados oficialmente nun acto institucional a principios do vindeiro ano, onde tamén se fará entrega dos premios á calidade dos traballos académicos.