O investigador da USC e académico Xesús Feás analiza hoxe na Deputación de Lugo o futuro que depara a invasora vespa velutina

O investigador da USC e correspondente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia Xesús Feás Sánchez ofrece este mércores, a partir das 18.00 horas, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, o relatorio ‘Vespa velutina: Un depredador exótico. Que depara o futuro?.
O doutor Xesús Feás abordará nesta sesión, organizada pola Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, pero aberta á participación de todo o público, como foi o proceso e a chegada deste insecto invasor ao continente europeo, ao tempo que achegará información sobre a identificación deste depredador por parte da comunidade científica e dos riscos que depara cara o futuro.
A Vespa velutina, sen dúbida, sinala Feás, alterará o noso medio ambiente, afectando ós procesos dos ecosistemas e á sociedade europea, razón polas que se fai preciso afrontar de xeito efectivo as dimensións e os conflitos sociais asociados á xestión da invasora vespa velutina, precisa.
Feás defende asemade que a información relativa á vespa velutina sexa correcta, relevante, accesible, efectiva e que estea baseada na evidencia científica e non na ‘pseudociencia’. Neta liña e tamén en harmonía coas recomendacións da UE, que demanda investigación e difusión de todo o coñecemento científico relacionado coa apicultura, a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia promove a organización desta actividade científica, unha sesión que contará entre o público asistente coa presenza do presidente da Académica de Ciencias Veterinarias de Galicia, así como doutros académicos e investigadores da USC.