A USC recoñece os Mellores Expedientes de centros de ensino medio en Galicia
A USC recoñece os Mellores Expedientes de centros de ensino medio de Galicia nun acto conmemorativo que se celebra este xoves no Salón de Actos da Facultade de Medicina. Os homenaxeados neste acto son as 920 mozas e 443 mozos que obtiveron unha cualificación igual ou superior a 9 na parte obrigatoria da Proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).
En total, 1.363 estudantes procedentes da Coruña (655), Lugo (166), Ourense (164) e Pontevedra (378) son os destinatarios deste recoñecemento. No acto presidido polo reitor Antonio López, toman parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo; e a concelleira de Benestar, Inclusión e Maiores do Concello de Lugo, Olga López Racamonde.