A spin-off FlowReserve Labs, única candidatura española entre as mil finalistas da Competición Internacional de Innovación e Emprendemento de China Taihu
FlowReserve Labs, unha spin-off da USC e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS), será o único proxecto español na fase final da Competición Internacional de Innovación e Emprendemento de China Taihu (CTIIEC). Logo dun proceso de selección entre máis de mil proxectos en todo o mundo, a empresa competirá por lograr un dos premios desta edición, que premia os mellores proxectos internacionais de innovación en medicina, Internet das cousas (IoT), tecnoloxías de información, bioloxía, fabricación de novos materiais e enerxías renovables.
A spin-off de orixe universitario ofrece solucións de medicina personalizada en cardioloxía ao proporcionar indicadores de diagnose por métodos non invasivo obtidos mediante reconstrución de imaxes de TAC e aplicación de modelos de dinámica de fluxo. Por parte da USC participaron no seu desenvolvemento investigadores do grupo de Investigación de Física non Lineal da USC, entre eles Alberto Otero (director científicos da empresa), Alberto P. Muñuzuri e Vicente Pérez, así como José Ramón González-Juanatey, Diego Otero e María Bustos, do Departamento de Cardioloxía do CHUS. Ademais, tamén contaron co apoio do CIBER de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV).
Técnica non invasiva
A solución achegada por FlowReserve, actualmente probándose con resultados prometedores no CHUS, permite que o equipo médico coñeza o grao preciso de oclusión das arterias coronarias. Os seus promotores estiman que o 1% da poboación total poderá beneficiarse desta proba non invasiva. O sistema ofrece unha diagnose detallada en 24 horas, evitando o procedemento actual, a introdución dun catéter e guía de presión ata o corazón. Con esta nova tecnoloxía evitaríanse procedementos diagnósticos e terapéuticos innecesarios, así como as complicacións relacionadas. Como explican os investigadores, as posibilidades da tecnoloxía desenvolvida inclúen a incorporación de indicadores preditivos sobre a evolución da enfermidade do enfermo para planificar o mellor tratamento en cada caso.