Skip to main content

A análise do prognóstico dos pacientes con infarto de miocardio evidencia a necesidade de maior educación sanitaria

Os tempos dependentes do sistema, é dicir, dende que o paciente contacta ata que se realiza a  reperfusión ou apertura da arteria responsable do infarto, atópanse dentro do rango especificado como ideal polas guías de práctica clínica. FOTO: Santi Alvite
Os tempos dependentes do sistema, é dicir, dende que o paciente contacta ata que se realiza a reperfusión ou apertura da arteria responsable do infarto, atópanse dentro do rango especificado como ideal polas guías de práctica clínica. FOTO: Santi Alvite
Unha tese de doutoramento defendida na Facultade de Medicina estudou os casos atendidos no centro de Galicia entre os anos 2008 e 2018
Santiago de Compostela

Unha investigación na que toma parte a USC analizou máis de 2.000 pacientes atendidos na área sanitaria compostelá durante a década 2008-2018 con infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST (IAMCEST) sometidos a terapia de reperfusión urxente. A tese de doutoramento defendida na Facultade de Medicina por Ana Belén Cid Álvarez, tamén investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do CIBER de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), incidide na necesidade unha maior educación sanitaria para lograr un diagnóstico precoz. A tese Programa de atención ao infarto agudo de miocardio con elevación de segmento  ST na área centro de Galicia. Determinantes prognósticos, detección de grupos de risco e oportunidades de mellora está dirixida polo profesor da USC José Ramón González Juanatey.

A pesar de que, segundo os datos do Instituto  Galego de  Estatística, a incidencia de  infarto agudo de miocardio (IAM) mantívose estable e a mortalidade por enfermidade cardiovascular foi diminuíndo progresivamente no período analizado, o IAM segue sendo a primeira causa de morte na poboación galega seguida das enfermidades neoplásicas. A meta principal desta tese foi coñecer o prognóstico da poboación obxecto de estudo, así como os factores que o determinan na área centro de Galicia, que se caracteriza por unha rede de atención ao IAMCEST consolidada, onde a terapia de reperfusión, na práctica totalidade dos casos, é o intervencionismo coronario  percutáneo primario.

Campañas de información

Os achados máis relevantes deste traballo no que respecta a tempos de atención foron, en primeiro lugar, unha media dende o inicio dos síntomas ao primeiro contacto médico superior á esperada, o que motivou a realización dunha análise para buscar os factores que explican este atraso tanto dependente do individuo como da súa contorna. “Desta forma,  detectamos unha poboación obxectivo á que dirixir campañas específicas de formación e información sanitaria”, indica a investigadora.

Así mesmo, o lugar onde os pacientes establecen o primeiro contacto co sistema sanitario tras o inicio dos síntomas e como se realiza o traslado son datos fundamentais para testar o funcionamento da rede de atención ao infarto. Neste estudo, determinouse que o 32% dos pacientes contacta directamente co Servizo de Urxencias do CHUS, un 31,5% con atención primaria e só un 23,5% chama ao 061, “a pesar de que o primeiro contacto co 061 demostrou ser a forma máis rápida e segura de atención en pacientes que sofren un infarto”, sinala Cid.

Os tempos dependentes do sistema, é dicir, dende que o paciente contacta ata que se realiza a  reperfusión ou apertura da arteria responsable do infarto, atópanse dentro do rango especificado como ideal polas guías de práctica clínica, aínda que se detectaron atrasos superiores en áreas concretas.

Sen diferenzas entre sexos

Neste traballo estudouse de forma pormenorizada o prognóstico dunha poboación non seleccionada e que, por tanto, é reflexo da práctica clínica real grazas ao sistema de información IANUS. Entre as principais conclusións, cómpre destacar que non existen diferenzas significativas entre sexos en canto ao risco de sufrir eventos a longo prazo. Esta redución da “fenda de xénero” na nosa poboación pode deberse a que contamos cunha rede de atención ao IAM madura, con aplicación sistemática de reperfusión e tratamento médico baseado na evidencia, similar en mulleres e homes.  Así mesmo, o prognóstico de pacientes con enfermidade multivaso (con máis dunha arteria coronaria como enfermidade significativa, ademais da responsable do infarto) foi amplamente estudado, demostrando que os pacientes cunha revascularización máis completa no momento da alta, presentan mellor prognóstico durante o seguimento.

Redución da mortalidade

Ao longo destes anos de estudo, observouse unha redución significativa tanto da mortalidade e eventos intrahospitalarios como durante o seguimento, sobre todo no último período de estudo (2015-2018) polos cambios no manexo  prehospitalario, o tratamento intervencionista (xeneralización de  stent  farmacoactivo) e a optimización do manexo médico.

A autora da  tese, Belén Cid, incide por último nas necesidades de mellora, entre as que destacan “a necesidade de programas  educacionais para a poboación, que poñan o foco en contactar de forma inmediata ao 061 ao aparecer os síntomas, mellorar os tempos dende o contacto médico á reperfusión nas áreas máis desprotexidas, levar a cabo unha  revascularización máis completa en pacientes con enfermidade coronaria múltiple e establecer programas estruturados para a atención a pacientes con shock  cardioxénico”.

A tese de doutoramento foi defendida na Facultade de Medicina por Ana Belén Cid Álvarez
A tese de doutoramento foi defendida na Facultade de Medicina por Ana Belén Cid Álvarez
The contents of this page were updated on 06.28.2021.