Skip to main content

Aberto ata o 30 de xullo o prazo de matrícula no IV Ciclo da USC

Alumnado do IV Ciclo da USC
Alumnado do IV Ciclo da USC
As persoas maiores de 50 anos interesadas en participar neste programa de formación sénior da USC poden inscribirse xa de en liña ou de xeito presencial con cita previa
Lugo, Santiago de Compostela

O IV Ciclo Universitario mantén aberto ata o venres 30 de xullo o seu prazo de matrícula para todas as persoas interesadas en tomar parte neste programa de formación específico para alumnos e alumnas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, que xa poden formalizar a matrícula en liña a través da secretaría virtual da USC.

As persoas que prefiran realizar o proceso de de inscrición xeito presencial, deberán dirixirse á Unidade de Xestión Académica da USC, cuxas oficinas están localizadas no Pavillón Estudantil do Campus Vida, en Santiago, e no Edificio Intercentros do Campus de Lugo. Para formalizar a matrícula de xeito presencial é imprescindible solicitar cita previa a través deste formulario xa habilitado na web da USC. Para calquera dúbida, tamén se pode solicitar máis información referida ao programa do IV Ciclo da USC a través do número de teléfono 881 81 45 88 ou no enderezo electrónico ivciclo [at] usc.es (ivciclo[at]usc[dot]es).

Integración e participación

O IV Ciclo é un programa a través do que a USC pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, con criterios interdisciplinares, a fin de favorecer así a súa integración e a participación de todo o mundo atendendo ás necesidades de formación permanente das persoas maiores. O IV Ciclo constitúe pois un programa educativo regrado en conexión cos programas educativos dos outros ciclos que se imparten na USC, e ofrece dous títulos propios: o Diploma Sénior de IV Ciclo e o Diploma Excelsior de IV Ciclo.

A oferta de materias que poderán cursar as persoas que formalicen a súa matrícula en estudos de IV Ciclo da USC está xa accesible na web, onde tamén se pode atopar información relativa a taxas, bolsas, planos de estudos... A actividade docente, que está estruturada en dous cuadrimestres, comezará ao longo do mes de outubro de 2021 e rematará a finais de maio de 2022.

The contents of this page were updated on 10.31.2024.