O filmes ‘Sharp’ e ‘E se non é COVID’, premios do xurado e do público dun VI Findecurta dedicado ao xénero do terror

O xurado da sexta edición do maratón audiovisual ‘Findecurta’, programa ideado para contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega, premiou a curtametraxe ‘Sharp’, do equipo de rodaxe DeuxExMachina, mentres que as preto de cen persoas que asistiron á gala de entrega de premios outorgaron ou seu galardón á produción ‘E se non é COVID’, de Gabrieles Enteléticos. O xurado, formado pola actriz galega María Vázquez e o crítico de cine Jon Leceta, acordou conceder un accésit á curta ‘Chiróptera’, do grupo As Congas.
O equipo gañador do premio do xurado recibiu unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais de participar na próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor (Grupo Fonmiñá) onde competirá polo Premio á Mellor Curtametraxe galega xunto coa curta que recibiu o galardón do público dunha edición do Findecurta dedicada ao xénero do terror.
O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; a deputada provincial e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, e o coordinador do certame Findecurta, Bruno Máez, participaron na gala de entrega de premios, no marco dunha sesión na que os membros do xurado destacaron creatividade dos participantes.