O reitor da USC e o presidente da Xunta de Galicia participan este venres na gala de entrega do XVIII Premio Aresa en Veterinaria
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participarán este venres, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, a cerimonia de entrega do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un acto no que tamén intervirá o fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e que congregará a numerosos representantes e persoeiros dos eidos político, económico, social e cultural.
Tomás Cuesta García, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, que foi a candidatura gañadora do XVIII Premio Aresa, recollerá o galardón outorgado polo grupo Aresa e a USC, e que inclúe unha gratificación económica de 10.000 euros, no transcurso dunha sesión durante a que José Rafael Marqués da Silva, profesor de Enxeñaría Rural na Universidade de Évora (Portugal), ofrecerá a conferencia ‘Manexando cultivos con imaxes de satélites’.
Dacordo coas bases que rexen a convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, os membros do xurado encargado de fallar a décimo oitava edición deste galardón, prestaron especial atención a aquelas candidaturas que contribuíran a xerar postos de traballo de calidade no rural, ademais de poñer en valor os produtos da terra e axudar a recuperar subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse. As pescudas e o traballo a prol da innovación en produtos e métodos de produción é outro dos indicadores polos que o tribunal acordou conceder este galardón á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.
O veredicto final foi elixido por unanimidade por cumprir con todos estes requisitos e, ademais, pola longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos na mellora do mundo rural e polos proxectos de investigación que desenvolven nese mesmo senso.
A cerimonia de entrega do XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural congregará este venres na Facultade de Veterinaria de Lugo un nutrido grupo de representantes políticos, ademais de persoeiros dos eidos económico, social e cultural, así como clientes e provedores do grupo empresarial Aresa.