Skip to main content

Veterinaria sortea con éxito o Brexit

Vista aérea da Facultade de Veterinaria da USC
Vista aérea da Facultade de Veterinaria da USC
A acreditación europea expedida pola EAEVE permite aos veterinarios titulados no Campus de Lugo da USC completar estudos de posgrao en Reino Unido e colexiarse para desenvolver a súa actividade profesional nas illas británicas
Lugo

A resolución do ‘Brexit’ e a progresiva adopción das diversas medidas derivadas do éxodo británico da Unión Europea comeza a despregar os seus efectos ao ámbito académico e, en consecuencia, ao desenvolvemento de diversas actividades profesionais, segundo sinala o decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, Gonzalo Fernández, quen salienta que “a renovada acreditación europea expedida pola EAEVE ao centro universitario lugués garante aos seus titulados a posibilidade de completar estudos de posgrao no Reino Unido, ao tempo que lles permite colexiarse para poder desenvolver a súa actividade profesional nas illas británicas”.

Fernández referiuse a estas nova limitacións académicas e laborais derivadas do Brexit, logo das consultas trasladas á Facultade de Veterinaria de Lugo por titulados e tituladas desprazados ao Reino Unido, onde “o centro universitario lugués conta cunha importante colonia de egresados. Non sei se se podería falar de centos, pero de varias ducias, seguro”, dixo, para logo apuntar os matadoiros e as clínicas de pequenos animais como dous dos principais niños de emprego que presenta Reino Unido para os facultativos veterinarios.

O recoñecemento e as boas condicións salariais de que gozan os profesionais veterinarios en Inglaterra, unido a unha suposta falta de facultativos propicia que moitos titulados e tituladas doutros países europeos, especialmente de España e de Polonia, opten por ter unha experiencia laboral neste país, comenta Gonzalo Fernández.

O decano da Facultade de Veterinaria da USC salienta neste senso que o selo de calidade internacional que posúe do centro universitario lugués non é un recoñecemento menor, pois a acreditación da EAEVE está a consolidarse como un mérito engadido no currículo e tamén como un requirimento cada vez máis xeneralizado para acceder ao mercado laboral. Fernández sinalou asemade que, alén do caso do Reino Unido, os Colexios de Veterinaria Europeos (órganos que agrupan profesionais por especialidades) tamén teñen a acreditación EAEVE como un dos parámetros que esixen aos titulados para a súa admisión como colexiados.

Proceso de acreditación EAEVE

A Facultade de Veterinaria da USC incorporouse por vez primeira en 2008 ao grupo de centros de formación veterinaria acreditados pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE). A entrada do centro lugués neste grupo selecto supuxo un importante salto de calidade, lembra Gonzalo Fernández, que tamén fai fincapé nas condicións cada vez máis esixentes que require a renovación desta certificación europea, dado que se trata dun proceso que se rexe por indicadores obxectivos ponderados entre os datos dos centros de referencia.

A dificultade que implica a consecución e posterior renovación da acreditación que outorga a EAEVE por parte de calquera Facultade de Veterinaria de Europa tradúcese tamén despois nunha garantía engadida para os titulados e tituladas, que, en consonancia cos exemplos antes citados, enfróntanse a un horizonte laboral con máis ou menos alternativas e posibilidades de éxito en función do centro no que completaron a súa formación, relata Gonzalo Fernández.

 

The contents of this page were updated on 07.12.2021.