Skip to main content

Cara a unha radioterapia de máxima precisión

A proposta deste grupo de investigación consiste en modificar a xeometría das cámaras de ionización xa existentes nos hospitais reducindo a distancia entre eléctrodos. FOTO: Santi Alvite
A proposta deste grupo de investigación consiste en modificar a xeometría das cámaras de ionización xa existentes nos hospitais reducindo a distancia entre eléctrodos. FOTO: Santi Alvite
Investigadores do Laboratorio de Radiofísica da USC acaban de crear un novo modelo de cámara de ionización ultra delgada, clave para aplicar terapias contra o cancro que non deterioren os tecidos sans
Santiago de Compostela

As cámaras de ionización son dispositivos que serven para determinar a dose exacta dos tratamentos de radioterapia. Neste eido de actuación, científicos do Laboratorio de Radiofísica da USC acaban de desenvolver un novo modelo de cámara de ionización ultra delgada que permitirá medir fielmente as doses ata taxas mil veces superiores á dos actuais aceleradores de radioterapia. As achegas destes investigadores abren o camiño ao desenvolvemento de terapias de precisión que actúen só sobre as lesións tumorais, minimizando os efectos adversos nos tecidos sans.

O equipo liderado polo profesor da USC Faustino Gómez desenvolveu este novo modelo no marco do proxecto europeo UHDpulse concibido para executar unha nova xeración de dosímetros, en virtude dos cales, poder aplicar a denominada radioterapia ‘Flash’ coa que se quere producir un menor efecto nocivo nos tecidos sans. “Esta nova modalidade de radioterapia implica a entrega  ultrarrápida de radiación a taxas de doses de magnitudes maiores que as usadas na práctica clínica habitual. Deste xeito, téntase erradicar as células cancerosas, protexendo o tecido normal do dano da radiación tanto como sexa posible”, explica Faustino Gómez.

A proposta deste grupo de investigación consiste en modificar a xeometría das cámaras de ionización xa existentes nos hospitais reducindo a distancia entre eléctrodos dende varios milímetros a valores en torno a 0.25 milímetros. Deste xeito, os centros clínicos contarían con instrumentos de medida similares aos que xa usan actualmente para determinar a dose dos pacientes pero capaces de medir nesta nova modalidade de terapia. Actualmente xa se realizaron as primeiras probas clínicas en seres humanos de terapia ‘Flash’ con feixes de electróns en Lausanne (Suiza) e de protóns en Cincinnati (Estados Unidos).  

Recoñecementos internacionais

Actualmente a translación ao uso clínico desta técnica enfróntase a diversos problemas tecnolóxicos, entre eles a capacidade de medir correctamente a dose impartida. Neste senso, a nova cámara concibida polo equipo da USC foi probada con éxito nun acelerador Flash da empresa SIT en Aprilia (Italia) o pasado mes de maio. Ademais, os resultados de I+D deste grupo de investigación acadaron o premio ao mellor traballo científico do Congreso Nacional das Sociedades Española de Física Médica e Protección Radiolóxica celebrado este ano; alén de obter o recoñecemento á mellor contribución presentada ao congreso internacional ‘Flash Radiotherapy and Particle Therapy Conference’ FRPT2021 que se desenvolverá  en Viena (Austria) no mes de decembro, ao ser salientada entre 250 traballos dos máis importantes centros de investigación do mundo.

Ademais, Faustino Gómez foi nomeado representante da Federación Europea de Física Médica (EFOMP) no Comité Conxunto Internacional TG359 auspiciado pola Asociación Norteamericana de Física Médica (AAPM), para o desenvolvemento de novos protocolos de dosimetría a nivel mundial para a implantación da terapia Flash.

O equipo liderado polo profesor da USC Faustino Gómez desenvolveu este novo modelo no marco do proxecto europeo UHDpulse. FOTO: Santi Alvite
O equipo liderado polo profesor da USC Faustino Gómez desenvolveu este novo modelo no marco do proxecto europeo UHDpulse. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 07.15.2021.