Skip to main content

Investigadores estudan, por vez primeira, a relación entre temperatura ambiente e a prescrición de fármacos para doenzas respiratorias

Relacións entre temperatura e prescrición de fármacos
Estudaron como as temperaturas medias e as súas flutuacións se asocian coa administración de fármacos para procesos respiratorios
Un equipo de investigación coordinado dende a USC estudou como as temperaturas medias e as súas flutuacións se asocian coa administración de fármacos para procesos respiratorios e o seu impacto económico en cinco cidades de España
Santiago de Compostela

Un equipo coordinado polo profesor da Facultade de Xeografía e Historia Dominic Royé avalía a relación da exposición a curto prazo entre a temperatura media diaria e as prescricións médicas para doenzas respiratorias en cinco cidades españolas. O estudo que publica a revista Environmental Research mostra que as baixas e altas temperaturas levan asociadas un aumento no número de prescricións farmacolóxicas. “Ata onde sabemos, este enfoque nunca se tiña utilizado antes para medir un relación desta natureza cos resultados da prescrición médica en Europa” explica Dominic Royé. Como engade o investigador da USC, este tipo de indicador de saúde podería potencialmente identificar e anticipar, entre outros, “brotes de gripe debido a un grao máis sensible da fonte de datos”. No artigo participan investigadores da USC, do IDAEA-CSIC, das universidade de Valencia e Cantabria, e do Hospital Montecelo de Pontevedra.

En opinión dos investigadores, a elección das prescricións de fármacos como fonte de datos ten a vantaxe de que “a poboación incluída e afectada é máis nova, ao tempo que permite analizar a influencia da temperatura por patoloxías de forma indirecta” e complementaria a outros indicadores. Se ben o aumento do risco de mortalidade durante os períodos de altas e baixas temperaturas está ben definido, o equipo de investigación abordou esta nova liña de traballo ante a falta de análises en datos con menor severidade, “dado que a maioría dos estudos utilizan recontos diarios de mortes ou hospitalizacións como variable que reflicten so unha proporción limitada de pacientes cos casos máis graves”.

Á vista dos resultados obtidos, o equipo sinala que os efectos da calor e o frío “teñen diferencias na magnitude, a forma e a estrutura do efecto de retardo entre cidades e subgrupos de medicamentos”. Así entre o 0,3 e o 0,6% de todas as prescricións para doenzas respiratorias en Madrid, Zaragoza e Pamplona estarían asociadas co frío. Por contra, os efectos da calor nestas mesmas cidades mostraron porcentaxes superiores, entre o 8,7% e o 17,2%.

Outro dato importante, apunta o profesor Royé, son os custes económicos. En xeral, “son máis elevados para os efectos da calor, con valores anuais que oscilan entre 191.905 e 311.076 euros por cada 100.000 persoas”. No caso concreto de Madrid, estímase un custe anual por calor de 311.000 euros por cada 100.000 habitantes, mentres que en Zaragoza e Pamplona, esta cifra redúcese a 192.000 euros. “Os maiores custes e fraccións atribuíbles á calor e ao frío “atopáronse no grupo de antihistamínicos e os preparados para a tose e o arrefriado, respectivamente”.

Para a elaboración do estudo, o equipo tomou en consideración os datos de prescricións médicas respiratorias, tanto electrónicas como convencionais, proporcionados pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios a partir da base de datos BIFAP para o período de estudo comprendido entre 2004 e 2018 de Madrid, Murcia, Pamplona, Santander e Zaragoza.

 

The contents of this page were updated on 07.21.2021.