Skip to main content

Polonia e Portugal poñen o foco en Veterinaria

A vicerreitora Montserrat Valcárcel, no centro, con investigadores polacos e lusos
A vicerreitora Montserrat Valcárcel, no centro, con investigadores polacos e lusos
Unha delegación internacional integrada por investigadores polacos e portugueses visitan o Campus de Lugo co obxecto de establecer futuras colaboracións nos campos da reprodución e do benestar animal
Lugo

Unha delegación universitaria integrada por profesores e investigadores do Departamento de Hixiene Ambiental e Benestar Animal da universidade polaca de Wroclaw e da Escola Superior Agraria do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e da Facultade de Veterinaria das Azores, tamén en Portugal, visitaron a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo para avaliar posibles liñas de colaboración nos campos da reprodución e do benestar animal.

A delegación internacional aproveitou a súa estadía na sede universitaria luguesa para manter encontros con profesores e investigadores das áreas de Obstetricia e Reprodución da USC na sede universitaria luguesa, ademais de para coñecer as instalacións e os servizos que presta na actualidade a Facultade de Veterinaria.

Parte das reunións programadas pro estas delegacións internacionais con docentes e investigadores da Facultade de Veterinaria de Lugo centráronse en temas de reprodución. Alén destas cuestións, a comitiva das Azores tamén trasladou ao vice decano da Facultade de Veterinaria Luis Quintela a posibilidade de estreitar ligazóns entre o centro galego e o luso.

Esta futura colaboración podería traducirse na habilitación de mecanismos orientados a favorecer a mobilidade estudantil, tanto de alumnado de grao como de posgrao, así como a implicación de investigadores da USC e da Facultade de Veterinaria das Azores en proxectos sobre liñas de traballo afíns, segundo comentou o profesor Luis Quintela.

Alén destas sesións de traballo, algúns membros destas comitivas internacionais aproveitaron a súa estadía en Lugo para participar na recepción institucional ofrecida na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo pola vicerreitora Montserrat Valcárcel.

The contents of this page were updated on 07.26.2021.