O ITMATI facturou durante o pasado ano 1,27 millóns de euros
O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas, facturou durante o pasado ano 1,27 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos cinco anos e da que o 91,89% procede de contratos e proxectos competitivos de transferencia. A porcentaxe do orzamento procedente do sector privado foi dun 65,76% e a de proxectos competitivos de convocatorias públicas do 27,95%. A súa directora, a catedrática de Matemática Aplicada Peregrina Quintela destaca que “entre 2013 e 2020 o Instituto facturou preto de oito millóns de euros, sendo unicamente un 8,5% financiación pública directa. Estes números mostran o grande atractivo que para a contorna empresarial supuxo o instituto, xa que por cada euro extra achegada de forma directa se captaron 8,5 euros de capital privado e outros 2,4 en proxectos públicos competitivos con participación industrial”.
Estes resultados “permitiron ao centro manter con éxito a folla de ruta marcada para conseguir os seus principais fins: promover a transferencia de tecnoloxía matemática a partir do coñecemento desenvolvido nas universidades galegas e das respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas.
Dende a súa constitución, ITMATI puxo en marcha preto dun cento de contratos ou proxectos con empresas e entidades. Na súa vertente internacional destaca a participación como entidade beneficiaria en varios proxectos europeos no marco do programa H2020, proxectos en varias convocatorias do goberno noruegués, así como contratos de transferencia con entidades estranxeiras. Con participación en máis dunha ducia de contratos e proxectos internacionais dende a súa creación, a facturación internacional en 2020 foi do 27,83% da total.
En palabras de Peregrina Quintela, “péchase agora un ciclo que supuxo unha experiencia única en Europa no ámbito das Matemáticas, a dun instituto interuniversitario centrado exclusivamente na actividade de transferencia de coñecemento, e que demostrou cos seus resultados ser capaz de xerar valor engadido no sector industrial. Nos próximos días ITMATI integrarase nun novo centro interuniversitario para as matemáticas galegas, CITMAga (Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia), que intentará xuntar a actividade investigadora máis clásica coa de transferencia, con intención de dar continuidade á traxectoria de ITMATI e que, sen dúbida, suporá o inicio dun novo ciclo”.