Skip to main content

Unha investigación propón metodoloxías para avaliar a sustentabilidade das cidades

Manuel Rama
Manuel Rama, durante o acto de defensa e mantemento da súa tese
Segundo o investigador Manuel Rama, “as cidades concentran a maior parte das cargas ambientais do planeta derivadas das actividades humanas como a xeración de residuos, a emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) e o consumo de recursos naturais”
Santiago de Compostela

Manuel Rama Caamaño desenvolveu na súa tese diferentes metodoloxías que permiten avaliar a sustentabilidade de sistemas urbanos e identificar os principais puntos febles con respecto a un desenvolvemento sostible. A investigación aborda unha cuestión de actualidade polo crecemento exponencial nas últimas décadas da poboación urbana, ata alcanzar o 66 % do global. Como consecuencia deste crecemento, “as cidades concentran a maior parte das cargas ambientais do planeta derivadas das actividades humanas como a xeración de residuos, a emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) e o consumo de recursos naturais”, explica o autor do traballo.

De acordo con isto, desenvolver metodoloxías que permitan avaliar a sustentabilidade dunha cidade “son cruciais para establecer accións e liñas estratéxicas de cara un futuro sustentable”. Non obstante, existen “diversas discrepancias á hora de definir que é unha cidade sostible ou que tipo de parámetros sociais, económicos e ambientais deben ser considerados para avaliar a sustentabilidade dunha cidade”, sinala o doutor Rama Caamaño.

Para alcanzar o seu obxectivo, aplicou metodoloxías de Análise de Ciclo de Vida e análise Input-Output Ambientalmente Estendida para determinar o perfil ambiental dun sistema urbano. Ademais desenvolveu diferentes metodoloxías para definir e cuantificar de forma máis íntegra a sustentabilidade de varios sistemas urbanos, considerando ademais de información ambiental, indicadores sociais e económicos.

Este traballo, dirixido por Sara González García e Gumersindo Feijoo, permite analizar dende casos específicos como o perfil ambiental do municipio de Madrid, a pegada de carbono de Cádiz ou a incidencia do turismo no desenvolvemento sostible de Santiago de Compostela, ata análises amplas e comparativas aplicadas a un territorio, como a avaliación de sustentabilidade dun grupo de 64 concellos galegos ou de 63 cidades de toda España -incluíndo todas as comunidades autónomas- ou a análise da pegada de carbono de diversas cidades dentro do territorio estatal, como son Bilbao, Madrid, Sevilla e Santiago. A tese desenvolveuse na ETSE no marco do proxecto SENSE financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e FEDER, cuxo obxectivo é avaliar e desenvolver novas metodoloxías para a análise da sustentabilidade de sistemas urbanos en España.

Grupo de Manuel Rama
O investigador, en primeiro termo, xunto con integrantes do seu grupo de investigación
The contents of this page were updated on 07.30.2021.