Skip to main content

Un investigador de Análise Económica desenvolve unha metodoloxía específica para estudar a capacidade de carga turística do Camiño Francés

Peregriños facendo o camiño
A capacidade de carga turística determina o número de persoas usuarias dun recurso turístico unha vez que se teñen en conta aspectos como a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa. Foto: Santi Alvite
O concepto de carga turística mide o número de visitantes ou persoas usuarias dun recurso turístico unha vez que se teñen en conta aspectos como a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa do recurso baixo estudo
Lugo, Santiago de Compostela

Investigadores da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo desenvolveron unha metodoloxía específica para estudar a capacidade de carga turística do Camiño Francés. Este é un concepto técnico que mide o número de visitantes ou persoas usuarias dun recurso turístico unha vez que se teñen en conta aspectos como a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa do recurso baixo estudo. As características específicas da ruta xacobea fixeron necesario unha metodoloxía propia para calcular o número máximo de persoas que podería acoller sen provocar sensación de saturación.

Os resultados que achega a nova metodoloxía indican que o aumento da distancia interpersoal entre peregrinos e entre grupos provocarían un impacto moderado sobre a capacidade de carga, “reducíndoa arredor dun 18% respecto ao escenario pre-COVID”, cuantifica o profesor Roberto Bande, autor desta investigación, accesible nunha memoria e un vídeo divulgativo e que acadou o financiamento da convocatoria de proxectos de investigación para 2020 da Cátedra institucional do Camiño e as Peregrinacións, promovida pola USC e Turismo da Xunta de Galicia. Canto máis prudente sexa o comportamento, incrementando a distancia persoal, maior será o seu efecto sobre a capacidade de carga, “podendo chegar  a reducirse ata un 50%”, engade a modo de estimación o investigador.

Para o cálculo da capacidade de carga, o investigador tivo en conta aspectos como a cantidade de horas de luz diúrna dispoñibles cada mes, a lonxitude das etapas, a velocidade media dos peregrinos ou temperaturas medias e días de precipitación intensa, “xa que todos estes aspectos inciden no número máximo de peregrinos que poden coincidir”, explica Roberto Bande. Incorporando todos estes aspectos á análise, actualizáronse os cálculos realizados no marco dun traballo previo realizado polo mesmo autor xunto con persoal investigador do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC (GAME) e realizáronse diferentes cálculos alternativos para analizar o impacto das medidas de distanciamento entre persoas. Deste xeito, para afinar o cálculo da carga, incrementouse a distancia entre persoas a dous metros e procedeuse á simulación de diferentes escenarios en función dunha maior ou menor distancia entre grupos, xa que existe a tendencia a realizar o camiño acompañados.

Oferta hostaleira

O estudo compleméntase cunha análise da presión de demanda sobre a oferta hostaleira durante a pandemia. Así, calculouse o número de persoas que peregrinan por etapas e mes e comparouse coa oferta estimada de aloxamentos hostaleiros nas diferentes cabeceiras de etapa do tramo galego. Os resultados indican que a caída na demanda foi maior que a redución da capacidade de carga, polo que a demanda non ten provocado problemas de presión de demanda sobre unha oferta de aloxamento que se foi adaptando ás necesidades da demanda. Polo tanto, existe capacidade hostaleira dispoñibles suficiente como para atender posibles subidas na demanda no caso de que se foran flexibilizando as restricións, aclara o investigador.

The contents of this page were updated on 08.04.2021.