Constatan unha tendencia cada vez maior ao emprendemento dos universitarios
Un terzo dos universitarios españois de últimos cursos manifesta a intención de emprender en poucos anos, unha tendencia que tamén se dá en Galicia segundo o traballo do Observatorio de Emprendemento Universitario CRUE-CISE-RedEmprendia no que participou o equipo GEM da USC, que elaborou así mesmo o Informe GEM-Galicia 2016.
Deste cada vez maior desexo de emprender da mocidade universitaria falouse esta mañá nunha xornada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, que este curso conmemora os 50 anos dos estudos de Economía en Galicia. A sesión, organizada en colaboración con GEM Galicia, inaugurárona o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro; o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José M. Cotos, e a decana do centro, Emilia Vázquez.
Como explicou Maribel Guerrero, autora do estudo do Observatorio de Emprendemento Universitario en España CISE-CRUE-RedEmprendia, se analizamos a actividade actual, un de cada oito xóvenes realiza unha actividade empresarial mentres estuda (un 7,5% no caso de empresas familiares), concentrados principalmente na rama de ciencias sociais (39,2%), seguidos por enxeñarías (24,0%) e humanidades (22,6%).
No ámbito galego, os resultados do Informe GEM-Galicia 2016 corroboran esta tendencia maior a emprender entre a poboación universitaria fronte á poboación xeral (37% fronte a 13% entre 25-44 anos), segundo expuxo a profesora da USC e directora técnica do Informe GEM Galicia, Isabel Neira. Ademais, máis dunha cuarta parte (26,4%) do alumnado considera que ten as habilidades necesarias para emprender.
A este respecto, case a metade dos estudantes enquisados polo Observatorio indica que o medo a fracasar supón un obstáculo para emprender, sendo este porcentaxe aínda maior no caso das emprendedoras (61,2%). Estas cifras chaman tamén a atención no Informe GEM Galicia: o 37%, a pesar de que ven maiores oportunidades (31% fronte ao 29%). Esta percepción da situación económica leva a que a taxa de emprendemento por oportunidade sexa maior para os universitarios (69% fronte a 66%). En xeral, as iniciativas desenvolvidas por persoas con estudos universitarios entre 25 e 34 anos (37,10) manifestan ter entre 1 e 5 persoas empregadas, maior índice tecnolóxico e de expansión internacional.
Emprendemento femenino O ano 2016 caracterizouse por unha caída da Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) en Galicia, que pasou de 5,51 a 3,99 puntos porcentuais. “A lectura detallada desta cifra lévanos a situarnos nunha caída do TEA por necesidade, de xeito maioritario entre os homes”, explicou Neira. Así, por primeira vez en 10 anos, con 4,09 a ratio TEA feminina supera á masculina (3,95) e contribúe a amortiguar a caída da taxa de emprendemento (en España segue a ser maior a TEA masculina: 5,8 fronte a 4,7 a feminina).
Precisamente o emprendemento universitario desde unha perspectiva de xénero foi un tema a tratar na mesma sesión pola técnica de transferencia de coñecemento no Programa Woman Emprende da USC Eva López e a promotora da empresa Situm, Cristina Gamallo. Na xornada informouse de que o 27% das emprendedoras galegas teñen estudos universitarios, cifra tamén superior á dos homes (20%). Por outra banda, as mulleres ven máis oportunidades no mercado, pero tamén presentan un maior medo ao fracaso (37% en media, fronte ao 25% dos homes).
O proxecto GEM O Global Entrepreneuship Monitor (GEM) é un observatorio internacional para analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico. En España o proxecto lidérao o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE).
Galicia sumouse a esta iniciativa en 2005 cun equipo dirixido `por Loreto fernández e configurado na actualidade pola USC, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Asociación de Novos Empresarios (FEGAXE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.