Medicina acolleu unha xuntanza científica internacional sobre Joint modelling

Medicina reuniu estes días a investigadores procedentes de Alemaña, Portugal, Holanda, Grecia ou Turquía nunha xuntanza científica impartida polo profesor Dimitris Rizopoulos da Erasmus University Medical Center de Holanda sobre técnicas de Joint Modelling, que permiten estudar simultaneamente datos lonxitudinais e de supervivencia. Os datos lonxitudinais inclúen medicións repetidas dos individuos ao longo do tempo e xorden con frecuencia nas ciencias biomédicas en xeral debido a que abundan, por exemplo, análises da evolución dunha enfermidade ao longo do tempo. Co lema ‘An introduction to the Joint Modeling of Longitudinal and Survival Data with applications in R’, organizou a xuntanza o grupo interdisciplinar de Bioestatística que dirixe a catedrática Carmen Cadarso Suárez.
O encontro posúe carácter interdisplinar xa que reúne especialistas en estatística, bioloxía, medicina, ecoloxía ou bioinformática pertencentes a diversas universidades, institucións biomédicas, así como á industria. Dimitris Rizopoulos, encargado do desenvolvemento temática da xuntanza, é especialista nas técnicas analizadas con aplicacións na identificación de biomarcadores, en medicina personalizada, monitorización e vixilancia activa.
Como explican dende o grupo de Bioestatística da USC, o Joint Modeling é unha novedosa ferramenta estatística especialmente útil na área da biomedicina. A modo de exemplo, nos estudos de seguimento dun paciente despois dunha operación cirúrxica; para o deseño de tratamentos de medicina personalizada; ou na realización de predicións sobre a supervivencia en función da evolución do paciente. Tamén son de utilidade nos casos de identificación de biomarcadores para o prognóstico despois dun transplante, na predición da evolución de pacientes con diferentes enfermidades crónicas como a diabetes, algúns tipos de cancro e as enfermidades cardiovasculares.
A aplicabilidade destes modelos ilustrouse a través dos paquetes JM e JMBayes do software estatístico R creados polo profesor Rizopoulos.