Óscar Ibáñez reinterpreta a Ricardo Portela no Paraninfo, en lembranza da histórica actuación do Gaiteiro de Viascón

O 17 de xullo de 1985 Ricardo Portela -Gaiteiro de Viascón- tocaba no Paraninfo da Universidade a ‘Alborada de Rosalía de Castro’ e a ‘Muiñeira de Chantada’ nos actos conmemorativos do centenario rosaliano, convidado por Xosé Filgueira Valverde.
En 2017 Óscar Ibáñez homenaxeou ao célebre Ricardo Portela polo 25 aniversario do seu pasamento co seu último traballo discográfico –Aires de Pontevedra (Inquedanzas Sonoras)-, que gravou integramente coa gaita orixinal do propio gaiteiro tratando de achegarse o máis posible á súa estética musical e técnica interpretativa. No disco fai un percorrido polas pezas máis representativas do seu repertorio, entre as que figuran tanto a ‘Alborada de Rosalía de Castro’ como a ‘Muiñeira de Chantada’.
Inspirado no antedito e destacado acontecemento, Óscar Ibáñez reinterpretará a Ricardo Portela este martes 20 dende a súa faceta artística no mesmo espazo, o Paraninfo da USC, en lembranza da histórica actuación do Gaiteiro de Viascón, cunha selección do seu repertorio enriquecida con arranxos frescos e cos timbres do seu grupo de directo, Óscar Ibáñez & Trío (Fernando Fraga, acordeón; Ioana Pérez, violín; Carlos Calviño, guitarra; Andrés Vilán, percusión; e Oscar Ibáñez, gaita e frautas).
O recital –ás 21.00 horas- é de entrada de balde ata completar aforo.