Skip to main content

Charla sobre as políticas públicas de apoio á acuicultura en Noruega

Eirik Mikkelsen. Foto: Nofima
Eirik Mikkelsen. Foto: Nofima

Un dos maiores expertos europeos no eido socioeconómico da acuicultura, o investigador do Instituto Noruego de Investigación en Alimentación, Pesca e Acuicultura (Nofima) Eirik Mikkelsen imparte este martes 20 unha charla na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

A intervención de Mikkelsen, ás 12.00 horas na aula 0.2 do centro, xirará en torno ás políticas públicas de apoio á acuicultura que se desenvolven en Noruega. O relator atópase na actualidade na USC cunha estadía de investigación xunto ao profesor Sebastián Villasante, como parte das actividades de cooperación científica no ámbito mariño entre Noruega e Galicia.

Eirik Mikkelsen, doutor en Economía, traballa nos aspectos sociais e socioeconómicos da acuicultura e a pesca, incluída a planificación e xestión de zonas mariñas e costeiras. Ata 2017 foi director de investigación para Ciencias Sociais en Norut 2000-2017 e anteriormente responsable para a cooperación ambiental internacional no Condado noruegués de Finnmark.

The contents of this page were updated on 02.19.2018.