Skip to main content

A USC desenvolve solucións tecnolóxicas acaídas para optimizar os recursos hídricos e as prácticas de rega na costa de Guatemala

De esquerda a dereita, Neira, Prieto, Castro, Etchevers e Cancela, na EPS de Enxeñaría de Lugo
De esquerda a dereita, Neira, Prieto, Castro, Etchevers e Cancela, na EPS de Enxeñaría de Lugo
A tese presentada na EPS de Enxeñaría de Lugo por Castro Loarca e dirixida por Xan Neira e Mario Melgar defende o balance hídrico fronte á irregularidade das choivas

Guatemala é un país de grandes contrastes onde a agricultura de regadío está presente en todo tipo de terreos, dende as explotacións máis grandes de agricultura expansiva, como os cultivos de caña de azucre, ata pequenas fincas de agricultura familiar. Na actualidade, prodúcese unha baixa eficiencia da operación de rego, debido a causas técnicas, estruturais e políticas. O investigador Otto Rene Castro Loarca atopou ferramentas para solucionar o déficit hídrico na súa tese ‘ Aplicación do balance hídrico en sistemas de rego Pivote central fixo, caso do estrato litoral centro da zona de cana guatemalteca’, que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en Lugo.

Na súa investigación de doutoramento, dirixida polos profesores da USC, Xan Xosé Neira Seijo e Mario Melgar, Otto Rene Castro Loarca analiza posibles solucións para optimizar o uso da auga con fins de rego. O estudio céntrase na zona do litoral centro da costa do Pacífico de Guatemala, que constitúe a zona máis representativa para o rego. Esta investigación avalía a distribución hídrica, a través dunha aplicación metodolóxica do cálculo de necesidades de rego, co obxectivo de paliar os problemas de déficit hídrico que se producen na zona dende xuño ata outubro por causa das irregulares precipitacións. Ademais, esta investigación tamén busca reducir o alto coste do rego e os conflitos que se orixinan nesta zona polo uso da auga no período de novembro de maio.

Para poñer fin aos conflitos que se orixinan pola falta de auga, Otto Rene Castro Loarca propón novas ferramentas e tecnoloxías como os modelos de balance hídrico, que mostran a variación temporal do contido de humidade do solo e a súa relación co crecemento do cultivo. Por exemplo, o software Cengiriegos, baseado nun modelo de balance hídrico, ten a capacidade de estimar de forma máis precisa o cantidade de auga no solo, polo que é un instrumentos determinante para coñecer as mellores oportunidades de rego. Os indicadores e tecnoloxías propostas son necesarias para camiñar cara procesos máis eficientes no uso da auga.

Esta investigación serviu para caracterizar os sistemas pivotes central fixo, desenvolver un software práctico, validar a aplicación do balance hídrico e capacitar ao persoal técnico e operativo.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Otto Rene Castro Loarca estivo presidido polo doutor en Enxeñaría Agrónoma Jorge D. Etchevers. O secretario foi o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPSE Javier José Cancela Barrio e, como vogal, estivo a doutora en Enxeñaría Agrónoma, Henar Prieto. O tribunal acordou outorgar a máxima cualificación académica ao autor desta investigación de doutoramento.

The contents of this page were updated on 08.27.2018.