Skip to main content

Viaño sinala a estabilidade financeira da USC como garantía para construír a “universidade do século XXI”

O reitor Juan  Viaño, no centro, acompañado de vicerreitores da USC, no apertura do acto académico da festividade de San Tomé
O reitor Juan Viaño, no centro, acompañado de vicerreitores da USC, no apertura do acto académico da festividade de San Tomé
O reitor da USC preside o acto académico da festividade de San Tomé de Aquino na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría campus de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, presidiu este luns o acto académico de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, onde, a xeito de balance do seu mandato, salientou a estabilidade financeira acadada nas arcas universitarias nos últimos anos como base e garantía para poder comezar a construír “a universidade do século XXI que todos esperamos”.

No seu discurso antes as distintas autoridades presentes e logo de facer unha analoxía entre a grave situación económica do últimos anos coa etapa de devastación provocada en Europa polo Gran Guerra a comezos do pasado século XX, cando se consolidaron os centros de ciencia, docencia e investigación en todo o mundo, Viaño salientou que incluso en épocas de fonda crise “temos a capacidade de tomar decisións que reverten na mellora do noso benestar”.

“Hai tres anos a situación económica da Universidade era crítica e había que tomar decisións importantes e acometer cambios profundos na xestión que garantisen a viabilidade inmediata da nosa institución”, lembrou Viaño, para, de seguido, manifestar o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria e ás distintas administracións públicas por axudar a “saír dunha situación económica que nos tiña nun pozo”.

O reitor da USC tamén fixo explícita a súa gratitude ao Consello Social da USC, á Xunta de Galicia e ás deputacións provinciais da Coruña e de Lugo, ademais de aos propios concellos que acollen os campus institución académica. Estamos agradecidos por iniciativas como o plan a prol do campus de Lugo activado en colaboración coa Deputación de Lugo, cuxa inversión tamén permitirá contar cunha granxa experimental e instalacións de prácticas para o alumnado nos terreos da Granxa Gayoso-Castro. O pulo brindado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no financiamento en tamén no futuro mapa de titulacións do Campus Terra, así como o apoio do Concello de Lugo ao proxecto do museo Domus do Mitreo, que posibilitará facer máis visible esta xoia arqueolóxica, centraron outros dos agradecementos de Viaño, para quen o proxecto de futuro da USC ten que ir máis alá das necesarias melloras en infraestruturas, títulos e contratación de persoal.

“O futuro da USC pasa por consolidar unha situación financeira que permita, como mínimo, un par de lustros de crecemento constante e acaído ás necesidades sociais”, afirma Viaño, ao tempo que avoga por competir por cada unha das novas oportunidades que se presenten. O proxecto do Campus Terra, cuxo desenvolvemento debe consolidar a sede universitaria luguesa nunha referencia en Europa no seu ámbito, e o novo mapa de titulacións, que depara xa o vindeiro curso a implantación dos graos de Paisaxe, en Lugo, e Biotecnoloxía e Criminoloxía, en Santiago, supoñen dúas boas oportunidades.

A nova oferta de titulacións permitirá reemprazar no curso 2019-20 tres dos graos impartidos no campus de Lugo e que teñen pouca demanda por outros de temáticas actuais e atractivas como o son Emprendemento, Xestión do Patrimonio e industrias Culturais e Robótica, ás que se sumará o grao en Bioquímica no curso 2020-21. Este proceso de renovación, que fará de Lugo un campus dinámico e e pioneiro en investigación e transferencia , abrangue tamén a especialización en mestrado, con títulos que reforzan a especialización en xenómica e nutrición.

A estabilidade financeira confire á USC capacidade de medrar como institución referente do ensino superior, da investigación e da transferencia do coñecemento alén das fronteiras de Galicia, sentenciou Juan Viaño, quen, sen embargo, defende a necesidade de avanzar na transformación dixital da USC, a fin de implantar novos procesos de funcionamento máis áxiles e eficaces para diminúan a burocracia e permitan dar resposta ás necesidades e demandas da sociedade.

Lección maxistral

O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Manuel Guaita Fernández, ofreceu a lección maxistral do acto académico de San Tomé. Na súa intervención, que se desenvolveu baixo o título ‘Reflexións sobre o futuro da construción sostible con madeira’, o profesor Guaita achegou unha mostra real da investigación e transferencia de coñecemento que se realiza desde a EPSE, un centro que está a celebrar o seu 50 aniversario e que se atopa á vangarda da enxeñaría e da posta en valor dun recurso tan prezado como a madeira.

Unha vez rematadas as intervencións e trala interpretación do ‘Gaudeamus Igitur’, por parte do Grupo Vocal Solo Voces, Juan Viaño pechou o acto académico. A cerimonia académica de San Tomé, congregou numerosas autoridades dos ámbitos político, académico, científico, cultural e social, entre os que se atopaban a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Freire e Manuel Martínez, respectivamente; a Valedora do Pobo, Milagros Otero; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a vogal do Consello Social da USC Blanca de Cora; ademais dos vicerreitores e Secretaria Xeral da USC, decanos e directores de centros universitarios, docentes, persoal de administración e servizos da USC, así como outros responsables políticos locais e provinciais, parlamentarios autonómicos, deputados e senadores.

Autoridades académicas e representantes políticos e da sociedade civil presentes no acto O catedrático Manuel Guaita, nun intre da súa lección maxistral Público e autoridades asistentes ao acto académico celebrado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo

The contents of this page were updated on 01.29.2018.