Dereito conmemora a festividade do seu patrón San Raimundo de Peñafort
O reitor Juan Viaño presidirá este venres 26 o acto conmemorativo da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón da Facultade de Dereito. A sesión comezará ás 12.00 horas no Salón de Graos do centro coa lectura da memoria de actividades correspondente ao pasado curso e dará paso á vicepresidenta do Tribunal Constitucional e catedrática de Dereito Civil, Encarnación Roca Trías, que pronunciará a lección maxistral da xornada, co título ‘Constitución aberta: a protección dos dereitos das persoas con discapacidade’.
O programa continuará coa imposición da insignia da Facultade a Carlos Casado Martíns e a José Luis Quintela Botana, membros do cadro de Persoal de Administración e Servizos da Facultade, e ao profesor Francisco Sangiao Otero con motivo dos seus 25 anos de servizos neste centro. Deseguido o alumnado que rematou os seus estudos no curso 16/17 recibirán un diploma conmemorativo así como o alumnado que acadou o Premio Extraordinario de Grao e Másteres. As intervencións do decano da Facultade, Gumersindo Guinarte, e do reitor Juan Viaño clausurarán a xornada.