A investigadora María Aymerich recolleu o premio Ernesto Viéitez da Academia Galega de Ciencias
A investigadora do Departamento de Física Aplicada da USC María Aymerich recolleu este mércores en Santiago o premio Ernesto Viéitez da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na categoría de novos investigadores. Xunto a ela, recibiu o Premio de Investigación 2017 un grupo multidisciplinar da Universidade da Coruña.
Na entrega dos galardóns, que coincidiu coa apertura do curso académico da institución, participaron o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos; o reitor da USC, Juan Viaño; o reitor da UDC, Julio Abalde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey. Na súa intervención, Ríos anunciou a incorporación á academia este ano de tres novas persoas, todas elas docentes da USC: o catedrático de Estatística Wenceslao González Manteiga, a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo Barrera e o catedrático de Economía Financeira José Antonio Redondo López.
O presidente da RAGC incidiu en que “a sociedade se xoga o seu futuro na xestión da ciencia” e nese ámbito situou o papel da Academia como “creadora de cultura científica”, cuxo déficit é “un dos atrancos importantes cos que se atopa hoxe o desenvolvemento do noso país”. No acto, os premiados destacaron dos premios “que contribúen dun xeito moi eficaz a avanzar na importantísima tarefa de darlle visibilidade á ciencia e poñela en valor ante os ollos dos cidadáns, para que sexan conscientes dos retornos que recibe a sociedade do investimento en investigación”.
Arterias artificiais No caso de María Aymerich, a academia premiou o seu método de fabricación rápido e económico de dispositivos que simulan vasos sanguíneos para o estudo in vitro de patoloxías cardiovasculares ou tumorais. A investigadora realizou a súa tese de doutoramento no grupo Photonics4Life da USC baixo a dirección da coordinadora do grupo, a profesora Maite Flores-Arias.
O traballo premiado pola RAGC forma parte desa tese e realizouse no marco dun proxecto de investigación financiado pola AEI na convocatoria de 2015 e no que participan dous grupos de investigación de Física da USC e outros tantos do Idis. En particular, é resultado do labor de investigación realizado conxuntamente polo grupo de Fotónica Photonics4Life da Facultade de Física e os de Oncoloxía e Cardioloxía da Fundación Ramón Dominguez.
O obxectivo do proxecto é o estudo, deseño e fabricación de prototipos de sistemas de microcanles, mediante procesado láser de diferentes materias, que mimeticen os vasos sanguíneos para a súa aplicación no desenvolvemento de modelos preclínicos in-vitro de cultivo de células vasculares. As vantaxes da tecnoloxía láser son a versatilidade, flexibilidade e o seu carácter non contaminante, o que permite desenvolver prototipos de baixo custe, con estruturas arbitrarias para aplicacións específicas no campo das ciencias da saúde.