A USC acolle a xornada de lanzamento do proxecto internacional Nutriage
O reitor Juan Viaño e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presidirán o martes 30 a xornada coa que bota a andar o proxecto Nutriage, iniciativa financiada polo Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) que busca solucións avanzadas para un envellecemento saudable a través da nutrición no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Na mesa presidencial tamén participarán o profesor Melchor Fernández, a profesora da Universidade Católica de Porto Elisabete Pinto e o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán.
O proxecto conta coa participación da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, a USC, a Universidade Católica Portuguesa, a Asociación Clúster Alimentario de Galicia, a Associaçao Integralar, Anfaco-Cecopesca, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Fundación Ramón Domínguez e a Santa Casa da Misericordia do Porto.
Axenda da xornada
A xornada de lanzamento do proxecto comezará ás 11.00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. O coordinador científico do proxecto por parte da USC, o profesor Melchor Fernández abrirá a quenda de intervencións na mesa de presentación de Nutriage, na que se prestará especial atención ás motivacións e accións do proxecto. Xunto a el, intervirá unha representación de cada unha das entidades e institucións participantes en calidade de socios.
Deseguido desenvolverase unha mesa co lema ‘Valor engadido de Nutriage: perspectiva do sistema asistencial, investigador e empresarial’, na que tomarán a palabra a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez; o director do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónica da USC (CiMUS), Carlos Diéguez; e unha representación da Santa Casa da Misericordia do Porto e do Clúster Alimentario de Galicia.
Para completar a axenda da xornada exporanse outras experiencias de promoción do avellentamento activo en Europa. Así intervirán Elisio Costa, da Universidade do Porto, para detallar as particularidades do Porto4Ageing como modelo de innovación de traballo en rede, e persoal da Axencia do Coñecemento en Saúde para falar da participación de Galicia en EIP Healthy Ageing.
Nutriage
O obxectivo de Nutriage é asegurar un avellentamento saudable a través da avaliación, estudo e deseño de estratexias nutricionais personalizadas tomando como referencia a alimentación tradicional atlántica e o desenvolvemento de novos produtos alimenticios que optimicen o estado nutricional das persoas maiores ao tempo que previr o seu declive funcional e cognitivo.
Outras das finalidades desta iniciativa internacional é xerar capacidades en I+D+i que favorezan a mellora da calidade de vida das persoas de máis idade a partir da nutrición, co conseguinte impacto no reforzo da sustentabilidade e eficiencia do sistema sociosanitario, e incentiven o crecemento e xeración de novas oportunidades de negocio para a industria agroalimentaria.
O traballo a desenvolver realizarase a través dunha Rede Transfronteiriza Multidisciplinar e Intersectorial composta por investigadores de distintas disciplinas, nutricionistas, persoal clínico, servizos asistenciais, administración, asociación empresarias ou empresas do sector agroalimentario, entre outros.