Skip to main content

Ampliado ata o 10 de setembro o prazo de matrícula no IV Ciclo

Para formalizar a matrícula de xeito presencial débese solicitar cita previa. Imaxe de arquivo dunha clase do IV Ciclo. FOTO: Santi Alvite
Para formalizar a matrícula de xeito presencial débese solicitar cita previa. Imaxe de arquivo dunha clase do IV Ciclo. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo acollerá o luns 6 de setembro o acto de apertura deste programa co que a USC quere posibilitar que as persoas maiores de 50 anos compartan procesos formativos e de extensión cultural con independencia do seu nivel educativo previo
Lugo, Santiago de Compostela

O IV Ciclo Universitario amplía ata o 10 de setembro o seu prazo de matrícula para todas as persoas interesadas en tomar parte neste programa de formación específico para alumnos e alumnas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo. As persoas interesadas xa poden formalizar a matrícula en liña a través da secretaría virtual da USC.

As persoas que prefiran realizar o proceso de inscrición de xeito presencial, deberán dirixirse á Unidade de Xestión Académica da USC, cuxas oficinas están localizadas no Pavillón Estudantil do Campus Vida, en Santiago, e no Edificio Intercentros do Campus de Lugo. Para formalizar a matrícula de xeito presencial débese solicitar cita previa a través dos formularios habilitados na web da USC. Para calquera dúbida, tamén se pode solicitar máis información referida ao programa do IV Ciclo da USC a través do número de teléfono 881 81 45 88 ou no enderezo electrónico ivciclo [at] usc.es (ivciclo[at]usc[dot]es).

Acto de apertura

O Salón de Actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo será o escenario no que se desenvolva o acto de apertura de curso do IV Ciclo. A sesión contará co presidente da Asociación Española de Programas Universitarios para Maiores (AEPUM) Antonio Rodríguez Martínez, quen impartirá a conferencia que leva por título ‘Funcións dos Programas Universitarios de Maiores e das súas asociacións de alumnos/as’. O acto terá lugar o luns 6 de setembro ás 17.00 horas.

Integración e participación

O IV Ciclo é un programa a través do que a USC pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, con criterios interdisciplinarios, a fin de favorecer así a súa integración e a participación de todo o mundo atendendo ás necesidades de formación permanente das persoas maiores. O IV Ciclo constitúe pois un programa educativo regrado en conexión cos programas educativos dos outros ciclos que se imparten na USC, e ofrece dous títulos propios: o Diploma Sénior de IV Ciclo e o Diploma Excelsior de IV Ciclo.

The contents of this page were updated on 10.31.2024.