Veterinaria prolonga ‘aulas’ ata a Granxa do Campus Terra
120 estudantes de novo ingreso matriculados no primeiro curso do grao en Veterinaria están a coñecer estes días a Granxa Experimental do Campus Terra, unhas instalacións nas que os futuros veterinarios desenvolverán diversas prácticas de formación e investigación ao longo da titulación, segundo indicou o decano Gonzalo Fernández.
As visitas realizadas polos novos estudantes á granxa financiada pola Deputación Provincial de Lugo nunha parcela da súa propiedade en Castro de Ribeiras de Lea están a resultar moi atractivas para os novos universitarios, ao tempo que supoñen para algúns deles un primeiro achegamento aos animais de produción, comentou Gonzalo Fernández, quen sinalou que boa parte dos futuros veterinarios inician a súa formación de grao coa idea de dedicarse á clínica de pequenos animais ou incluso especializarse en exóticos, na actualidade, o mercado está a demandar profesionais veterinarios no eido dos animais de produción.
Neste senso, o decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo salientou a importancia que supón para o centro universitario ter á disposición do alumnado, así como dos docentes e investigadores unha granxa de vacún de leite, tal e como é o caso da instalación promovida pola Deputación de Lugo. “Esta dotación é moi importante e reporta beneficios para toda a comunidade universitaria, tanto en docencia como en I+D, ao tempo que posibilita achegar unha formación mellor e de máis calidade ao alumnado”, relatou.
Perfil do alumnado
O perfil do estudantado de novo ingreso matriculado este curso na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC continúa a tendencia advertida nos últimos anos e é maioritariamente feminino. Respecto do lugar de procedencia ou residencia, Gonzalo Fernández precisou que a metade dos matriculados son mozos e mozas das catro provincias galegas, mentres que a outra metade son estudantes chegados á sede universitaria luguesa desde toda España. A maiores, engadiu o decano do centro universitario lugués, este curso contamos no primeiro con tres estudantes internacionais.
O profesor Gonzalo Fernández destacou asemade a normalidade como a principal característica principal destes primeiros días de curso. Nestas xornadas de volta ás aulas, o estudantes de primeiro ano están a coñecer as instalacións da Facultade e o campus, así como os servizos que ofrece a USC en Lugo. A maiores, no caso da titulación de Veterinaria, o hospital Rof Codina é outro dos enclaves de referencia que están a descubrir os estudantes de novo ingreso, os que a partir deste luns terá a oportunidade de mergullarse no Campus de Lugo a través do programa de actividades culturais, lúdicas, deportivas, obradoiros artísticos e concertos ‘Aterranocampusterra’, promovido pola Área de Xuventude do Concello de Lugo xunto coa Vicerreitoría de Coordinación.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, mantivo este xoves un encontro co alumnado de novo ingreso no auditorio da Facultade de Veterinaria, aos que logo de trasladarlles os mellores desexos para o novo curso e informarlles dos servizos e da programación cultural e deportiva que ofrece a USC en Lugo, tamén lles entregou un obsequio en sinal de acollemento.