Skip to main content

O reitor apela ao diálogo permanente e á “ilusión polo futuro” no acto de apertura do curso 2021-2022

O reitor xunto á profesora Estévez Toranzo (esquerda) e xunto á secretaria xeral Dulce García Mella (dereita). FOTO: Santi Alvite
O reitor xunto á profesora Estévez Toranzo (esquerda) e xunto á secretaria xeral Dulce García Mella (dereita). FOTO: Santi Alvite
Antonio López reivindicou no seu discurso “un investimento adecuado en ciencia e innovación” para o que demanda un plan de financiamento universitario que require do “compromiso decidido” da Comunidade Autónoma
Lugo, Santiago de Compostela

Diálogo permanente e ilusión polo futuro. Estes son dous dos eixos sobre os que o reitor da USC Antonio López asentou o seu discurso no acto solemne de apertura do curso 2021-2022 que tivo lugar este venres na Facultade de Medicina e Odontoloxía. “Quero salientar o esforzo que se fixo por falar e achegar posturas con todo tipo de colectivos. Este intercambio de pareceres enriquece as propostas”, subliñou o reitor como colofón a un discurso no que analizou tanto os retos pasados como os vindeiros xa que “quen lles fala conserva toda a ilusión polo futuro”.

No transcurso do acto, a secretaria xeral da Universidade, Dulce García Mella, procedeu a dar lectura á Memoria do Curso Académico 2020-2021; mentres que a Lección Maxistral, baixo o título, ‘A Microbioloxía en acuicultura nunha perspectiva One Health’ correu a cargo de Alicia Estévez Toranzo, catedrática de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC. Na mesa presidencial, tamén estiveron presentes Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Investigación e Innovación da USC; Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado da USC; Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Uvigo; e Cristina López Villar, Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite

Investimento adecuado

“Podemos sentirnos satisfeitos polo papel xogado e polos resultados do pasado curso 2020-2021”, sinalou Antonio López ao facer balance do pasado ano académico. “Os espazos universitarios foron seguros e a comunidade universitaria presentou uns índices de incidencia substancialmente menores aos xerais da poboación”, matizou o reitor en referencia á pandemia por mor da COVID-19. “A poboación universitaria, e moi especialmente o estudantado, demostrou nos seus comportamentos unha responsabilidade non sempre recoñecida”, engadiu logo de reivindicar “que só un investimento adecuado en ciencia e innovación permitirá atopar solucións a situacións deste tipo que, con certeza, se repetirán”. Neste senso, acadar un plan de financiamento para o quinquenio 2022-2026 conforma, dixo o reitor, “un reto deste curso” que require do “compromiso decidido” da Comunidade Autónoma.

Ademais, continuou, este curso vai ter lugar un proceso electoral tanto para as Eleccións de Reitor como para as de representantes no Claustro Universitario. “Estamos, xa que logo, no inicio dun curso que pecha un ciclo que, no que atinxe ao reitor, se iniciou en xuño de 2018. Un período marcado, sen dúbida, pola pandemia que se erixiu na protagonista da súa segunda metade obrigando a centrar o foco na adopción de medidas para adaptar as nosas actividades e facelas compatibles coa seguridade sanitaria das persoas”, sinalou Antonio López. “Aínda así, fomos quen de aprobar e desenvolver plans e accións para dar cumprimento aos compromisos adquiridos e á programación plurianual”, engadiu, alén de manifestarse ilusionado e con forza para darlle continuidade ao proxecto no caso de contar co apoio da comunidade universitaria e disposto “a seguir poñendo todas as súas ideas e as súas capacidades ao servizo desta Alma Mater compostelá”.

Persoal

O relevo xeracional do persoal mediante o reforzo, entre outras vías, do profesorado axudante doutor, foi un dos elementos subliñados por Antonio López á hora de percorrer o traxecto trazado ata o de agora no que tamén xogou un papel crucial a redefinición da oferta docente. A implantación de novas titulacións, cunha incidencia especial no Campus de Lugo, permitiu un cambio de tendencia do alumnado de 1ª matricula, pasando de 4173 en 2018 a 4637 estudantes de primeiro ano neste curso, o que representa  un aumento dun 11% no xeral, pero mais dun 38% nos datos do Campus Terra.

No relativo ao Persoal de Administración e de Servizos, o reitor destacou a revisión profunda da relación de postos de traballo que afectou a boa parte dos servizos fundamentais e que se complementou coas convocatorias de 123 prazas, tanto pola vía de acceso libre como de promoción interna.

Investigación

No capítulo dedicado a investigación e transferencia, o reitor subliñou que a USC atópase entre as doce mellores Universidades de España e entre as 500 do mundo, onde non debe esquecerse, dixo, que hai máis de 26.000. Para continuar con esta tendencia, Antonio López puxo o foco na necesidade de que o financiamento “non dependa case en exclusiva de fórmulas subvencionais”.

Infraestruturas

A Universidade, continuou, a través dos acordos dos seus órganos de representación e de goberno, fixo explícito un ambicioso plan de infraestruturas que ronda no seu conxunto os 80 millóns de euros. “Non se trata de incrementar os metros construídos porque non é necesario nin a curto nin a medio prazo, senón de buscar o uso más eficiente da superficie construída, optimizar o consumo enerxético e reducir os gastos correntes”, matizou Antonio López, quen tamén dedicou parte do seu discurso á xestión da débeda da Universidade. O reitor subliñou a este respecto que todos os esforzos que se están a levar a cabo na redución do gasto permitirán reducir a débeda a 17 millóns de euros, fronte aos 30 de hai catro anos.

Memoria do curso

Pola súa parte, a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, sinalou na Memoria do curso pasado, á que deu lectura, que “as persoas constitúen sen dúbida o activo máis importante co que conta a Universidade e o verdadeiro motor do seu funcionamento, como puxo de manifesto unha vez máis a súa resposta ás dificultades provocadas pola pandemia”. Neste senso, destacou que no curso pasado a Universidade acolleu a preto de 20.100 estudantes de grao, 2.400 de mestrado e 2.800 de doutoramento, o 61% mulleres, aos que cómpre engadir o estudantado dos programas de mobilidade e convenios bilaterais e o extracomunitario. García Mella subliñou o “comportamento exemplar” da comunidade universitaria, alén de poñer o foco na convicción de que “afrontaremos este novo curso con determinación e seremos quen de devolver gradualmente a normalidade ás aulas e a todas as actividades da nosa Universidade”. A Memoria estivo estruturada en cinco eidos temáticos: ensinanza e aprendizaxe, investigación e transferencia, extensión universitaria e compromiso social, organización e xestión e comunidade universitaria.

A secretaria xeral Dulce García Mella leu a Memoria do pasado curso. FOTO: Santi Alvite
A secretaria xeral Dulce García Mella leu a Memoria do pasado curso. FOTO: Santi Alvite

Lección Maxistral

A profesora Alicia Estévez Toranzo afondou na súa Lección Maxistral no concepto de ‘One Health’, o cal foi introducido a comezos do ano 2000 para denominar a noción, coñecida dende hai máis de un século, “de que a saúde humana e a sanidade animal son interdependentes e están vinculadas aos ecosistemas nos que coexisten”. A catedrática de Microbioloxía e Parasitoloxía centrou o seu relatorio na sanidade de animais acuáticos para “salientar como un maior benestar animal mellora a saúde dos animais, reduce a necesidade de medicamentos e pode axudar a preservar a biodiversidade”. O reitor definiu a profesora Estévez Toranzo como “unha referencia do protagonismo das mulleres na ciencia”.

O reitor definiu a profesora Estévez Toranzo como “unha referencia do protagonismo das mulleres na ciencia”. FOTO: Santi Alvite
O reitor definiu a profesora Estévez Toranzo como “unha referencia do protagonismo das mulleres na ciencia”. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 09.10.2021.